O PP cuestiona o impacto das políticas de vivenda na Coruña

O Grupo Popular da Coruña considera que as medidas impulsadas por PSOE e BNG para aumentar o parque de vivendas en alugueiro na cidade non están a dar resultado. A formación sostén que nin a declaración de zona tensionada nin a ordenanza de vivendas turísticas conseguiron mobilizar as vivendas baleiras cara ao alugueiro tradicional para familias.
Segundo o PP, abril foi o mes con menos contratos asinados desde a entrada en vigor da zona tensionada, con 311 operacións. Os populares aseguran ademais que desapareceron máis de 400 pisos do mercado e que os prezos do alugueiro acumulan catro meses consecutivos de subas desde xaneiro.
A formación tamén critica que, tras a aprobación da ordenanza de pisos turísticos, parte destas vivendas estean a pasar ao mercado de alugueiro temporal ou directamente saian de calquera tipo de oferta, en lugar de incorporarse ao alugueiro residencial de longa duración.
Outro dos puntos sinalados polo PP é a falta de convocatorias de axudas para rehabilitación de edificios e instalación de ascensores nos dous últimos anos. Os populares consideran que esta ausencia de apoio dificulta que vivendas baleiras en mal estado poidan reformarse e destinarse posteriormente ao alugueiro.
O grupo municipal afirma que as máis de 20.000 vivendas baleiras que existirían na cidade continúan na mesma situación e acusa ao Goberno local de non poñer en marcha políticas eficaces para ampliar a oferta residencial.