O PP critica a "centralización do poder" na Coruña: "Inés Rey renunciou ás súas competencias como alcaldesa"
O voceiro do Partido Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, acusou este martes a alcaldesa Inés Rey de "abdicar" das súas funcións e de cederlle "todas as competencias" ao concelleiro Lage Tuñas. Lorenzo afirmou que a rexedora asinou un decreto o pasado luns ás 11:17 horas no que delega toda a xestión municipal nun único edil, o que, segundo o portavoz popular, significa unha "renuncia" ás súas responsabilidades en favor de Tuñas.
"Inés Rey firmou un Decreto o luns a esa hora, no que delega en Lage Tuñas toda a xestión deste concello, o que supón unha abdicación en favor dun único concelleiro que agora manda na cidade", declarou Lorenzo en rolda de prensa celebrada hoxe en María Pita. O líder do PP local tamén cualificou esta decisión como unha "nomeación dun novo alcalde sen pasar polo Pleno".
Lorenzo sinalou que presentarán unha pregunta oral no Pleno do 3 de outubro para esixir explicacións a Rey. "Descoñecemos as razóns desta decisión. Quizais os seus plans de futuro son outros", insinuou, ao tempo que criticaba que Lage Tuñas, a quen acusou de "demostrar incompetencia en todas as áreas que xestionou", sexa agora o encargado absoluto de diversas materias, incluíndo infraestruturas, urbanismo, medio ambiente, deportes, comercio e innovación tecnolóxica.
"Inés Rey ningunea ao resto de concelleiros do goberno ao entregar a Tuñas competencias plenas en áreas que xa eran demasiadas para el", subliñou Lorenzo, quen cualificou a xestión do goberno municipal de "nefasta". "Agora todo pasa polas mans dunha única persoa, e así é imposible xestionar a cidade", engadiu.