O PP convoca á Comisión de Transparencia polos expedientes da avenida do exército 96, 1º
O Grupo Popular da Coruña convocou á comisión de Transparencia, tal e como anunciou a semana pasada, para pedir explicacións fronte as trabas da alcaldesa, Inés Rey, relacionadas cos expedientes das obras en avenida do Exército 96, 1º, propiedade do concelleiro socialista José Manuel Lage Tuñas.
Deste xeito, o concelleiro Popular, Roberto Rodríguez, na súa condición de presidente da devandita comisión, procedeu esta mañá á súa convocatoria para a súa celebración o vindeiro xoves, día 4 de abril, ás 10 horas. No día a día, todo son dificultades para que a oposición poida exercer as súas funcións, o cal xa denunciamos ao longo deste mandato en diversos plenos
O primeiro punto da orde do día trata sobre a negativa da alcaldesa para entregar á oposición copias dos expedientes aos que temos dereito segundo a normativa (Regulamento Orgánico Municipal e Lei de Bases de Réxime Local). Este feito é especialmente relevante no caso dos expedientes relativos á avenida do Exército e a outros moitos dos que solicitamos copia, os cales motivaron unha queixa diante da Valedora do Pobo.
O pasado día 12 de marzo os populares solicitaron por primeira vez a copia de 4 expedientes sobre estas presuntas obras irregulares así como de calquera que tivese relación co devandito inmoble. Transcorrido o prazo legal de 5 días sen contestación a lei di que teñen dereito as copias por silencio administrativo positivo, e o 19 de marzo reiteramos esa solicitude, sen resposta. O que o PP solicita é unha copia, porque teñen dereito, e o que se lles concede é acceso, ir consultalos en presenza dun funcionario sen poder obter copias nin ningún tipo de documento gráfico.
Doutra banda, nun segundo punto tratarase que os expedientes aos que dan acceso non están completos. Por iso o Grupo Popular presentou unha nova petición de copia de expedientes, na que se fai constar que esiximos que veña asinada por un funcionario ou autoridade competente que certifique que é unha copia íntegra.
No referido aos expedientes de avenida do Exército, "o primeiro día de consulta démonos conta de que un documento ao que se fai referencia nun dos expedientes, non figuraba no mesmo: o informe realizado pola Policía municipal que acreditaba que nese inmoble, propiedade do concelleiro socialista Lage Tuñas, estaban a realizarse obras sen ningunha licenza". Advertida esta circunstancia ese documento apareceu en quince minutos. Os populares informan de que este luns pasou o mesmo con outro informe, que apareceu este martes, e hoxe sucedeu de novo con outro informe que non está incluído na documentación á que se deu acceso e ao que se fai referencia nun dos expedientes. "Non sabemos se faltan máis porque non hai control dos documentos", sinalan os populares.