O PP asegura que as últimas eleccións auguran un “cambio seguro” no Goberno da Deputación e dos concellos da Coruña e Santiago

ACoruñaXa
O presidente provincial, Diego Calvo, destacou na Coruña que o PP superou nas eleccións europeas en máis de 120.000 votos ao BNG e en máis de 80.000 sufraxios ao PSOE
diego calvo
19 Jun 2024

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, asegurou onte na Coruña que a análise dos datos dos procesos electorais celebrados no último ano auguran un “cambio seguro” no Goberno da Deputación da Coruña e nos executivos locais dos concellos de A Coruña e de Santiago de Compostela.

Acompañado polo secretario xeral dos populares, Evaristo Ben, Calvo aproveitou a Xunta Directiva provincial que a súa formación celebrou na tarde de onte para subliñar que os resultados logrados polo seu partido nas últimas xerais, autonómicas e europeas veñen confirmar que o PP é a opción maioritaria cada vez que os veciños acoden a unha cita coas urnas.

“Os datos avalan as políticas que estamos a levar a nivel estatal, autonómico e local. Cada día que pasa son máis persoas as que están co PP e menos as que están co PSOE ou co BNG”, apuntou o líder dos populares, que subliñou que a conta atrás ten comezado para mudar o goberno da Deputación e para que o PP tome as rendas nos concellos de A Coruña e de Santiago de Compostela.

Con máis dun 42% do voto nas últimas europeas, os populares superaron en máis de 80.000 votos aos socialistas e en máis de 120.000 ao BNG. Ademais, dixo Calvo, o PP gañou en 92 dos 93 concellos da provincia, conseguindo 30.000 votos máis que os alcanzados nas europeas do 2019.

“En 41 dos 93 concellos superamos o 50% dos votos, e só en 16 baixamos do 40%. Son datos moi bos e que sinalan que imos polo bo camiño”, subliñou Calvo, quen destacou que nas tres cidades da provincia o Partido Popular situouse no 40%.

A situación nas cidades

“A tendencia é moi clara na provincia e nas cidades e iso anímanos a seguira traballando cada día con máis responsabilidade porque a xente esíxenos que sigamos denunciando a situación na que se atopan os gobernos da Coruña e de Santiago de Compostela e propoñendo alternativas que melloren a calidade de vida e as oportunidades dos veciños”, afirmou o popular.

Sobre A Coruña, Calvo referiuse á última “reestruturación” anunciada no día de onte pola alcaldesa, Inés Rey, e que na súa opinión, o único que confirma é o “desgoberno interno” no que viven os socialistas, máis preocupados, dixo, de “apagar lumes” que de xestionar a cidade.

“O de onte non é máis que unha acto para desviar o foco do realmente importante e que ten que ver coa falta de xestión, a improvisación, os problemas económicos e os escándalos nos que están involucrados algúns concelleiros co beneplácito da señora alcaldesa”, indicou Calvo.

O presidente popular referiuse tamén á situación que atravesa a capital de Galicia onde, ao seu xuízo, o goberno minoritario do BNG carece de proxecto de cidade. “Santiago está en mans dun executivo que non é capaz de avanzar en ningún dos aspectos que necesitan os veciños. Un executivo que depende duns socios de gobernos desnortados e que non saben se un día toca facer oposición ou xestionar”, lamentou Calvo.

Congreso local de Lousame, Ribeira e Teo

Neste camiño por seguir preparado á súa formación para os seguintes retos, a Xunta Directiva provincial aprobou a celebración do próximo congreso local en Lousame, Ribeira e Teo, os días 15, 17 e 18 de xullo.

Consciente de que aínda hai moito traballo por facer para alcanzar os gobernos da Deputación e das tres urbes, Calvo non quixo deixar pasar a oportunidade para felicitar a todas aquelas persoas que teñen traballado moi duro durante o último ano para conseguir que a provincia da Coruña responda con rotundidade cada vez que ten unha cita coas urnas.

 

0.16669297218323