O PP acusa ao presidente da Deputación de "indignidade democrática" por ausentarse do pleno sobre as subvencións

O voceiro do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, cualificou de “indignidade democrática” a ausencia do presidente provincial, Valentín González Formoso, no pleno extraordinario celebrado hoxe para tratar o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) 2025-2027. O pleno, convocado polo PP, buscaba aclarar o procedemento de tramitación dun documento que Ben considera de "enorme transcendencia" para a xestión das subvencións provinciais.
Segundo o portavoz popular, as explicacións ofrecidas pola deputada socialista Rosa Ana García López, encargada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, resultaron “insatisfactorias” e non resolveron as “dúbidas de ilegalidade” que, asegura, rodean a aprobación do plan.
Acusacións de falta de transparencia e debate público
Ben insistiu en que o PES 2025-2027 foi tramitado de maneira precipitada, sen debate público nin participación cidadá, e sen realizar unha avaliación previa do plan anterior, o que considera unha “grave carencia”. Tamén criticou a ausencia dun informe preceptivo e vinculante por parte da Xunta de Galicia e cuestionou por que o Goberno Provincial seguiu adiante coa aprobación do plan a pesar desta falta.
“Non se xustifica a ausencia dunha avaliación imprescindible do plan anterior, nin se motiva por que se tramitou sabendo que faltaba un informe esencial. Este tipo de actuacións non só poñen en risco a legalidade das subvencións, senón tamén a súa continuidade”, sinalou Ben.
Exixe un compromiso para avaliar a eficiencia das subvencións
O portavoz popular pediu que se abra un proceso para avaliar a utilidade social e a eficiencia de cada liña de subvención antes de aprobar o novo marco subvencional. “Non estamos en contra de ter un plan de subvencións. O que queremos é garantir que este sexa adecuado á legalidade e non comprometa a continuidade das axudas públicas”, declarou.
Ademais, Ben lamentou que o Goberno Provincial non presentara unha alternativa ao informe da secretaría xeral que disipara as dúbidas sobre a legalidade do documento aprobado, advertindo das posibles consecuencias negativas para o mantemento das subvencións.
A ausencia do presidente da Deputación no pleno extraordinario foi outro dos puntos centrais da intervención de Ben, quen acusou a González Formoso de “dar a espantada” nunha cita crucial. Asegurou que a súa falta de asistencia reflicte unha actitude de “desinterese e pouca responsabilidade” fronte a un tema de grande importancia para a provincia.