O PP acusa a Inés Rey de "incapacidade de xestión" polas prórrogas nas obras Monte Alto e no orzamento de 2025

O voceiro do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, acusou hoxe a alcaldesa Inés Rey de falta de capacidade de xestión tras a aprobación de dúas prórrogas clave: unha de 8 meses para finalizar as obras da praza de Monte Alto e outra do orzamento municipal de 2024, que será prorrogado para o ano próximo. “Cando denunciamos a súa inacción, a súa única saída é desqualificarnos e insultarnos. Aí non nos vai atopar. Si nos atopará no diálogo, nas propostas e na defensa dos veciños”, declarou Lorenzo.
O voceiro lembrou que xa advertira publicamente en setembro sobre os atrasos en Monte Alto, pero naquela altura a rexedora desmentiuno e chamou “mentireiro”. Porén, este mércores aprobouse unha ampliación do prazo de 8 meses, o que, segundo Lorenzo, “demostra que tiñamos razón”. Ademais, sinalou que un informe presentado na Xunta de Goberno Local confirma que 7 meses de atraso son atribuíbles ao propio Concello. “Agora veremos canto tardan en recoñecer tamén un sobrecusto”, engadiu.
Orzamento prorrogado e recortes
Lorenzo criticou con dureza a prórroga do orzamento municipal, que cualificou como unha mostra máis da “incapacidade do goberno de Inés Rey para elaborar unhas contas adaptadas ás necesidades dos coruñeses”. Segundo explicou, a prórroga implica un recorte de 83 millóns de euros no gasto público para 2025, malia as subas de impostos municipais.
“Esta decisión deixa aos barrios sen investimentos, xa que se darán de baixa 62,5 millóns de euros para obras fundamentais. Ademais, este ano xa se deixaron sen executar 98 millóns en investimentos, acumulando 225 millóns nos últimos cinco anos”, afirmou Lorenzo.
O líder do PP local tamén denunciou que o orzamento prorrogado afecta áreas esenciais. Entre elas, inclúense 2,65 millóns de euros menos para subvencións de rehabilitación en barrios como a Cidade Vella, Labañou ou o Barrio das Flores. Ademais, todos os convenios nominativos con asociacións locais quedarán sen renovar, o que prexudica directamente ás entidades sociais, culturais e deportivas da cidade.
Por último, Lorenzo destacou que a prórroga orzamentaria reduce en 4,5 millóns de euros o servizo de axuda no fogar, un sector que xa conta con listas de espera. “É unha proba máis de que este goberno non ten nin a capacidade nin a vontade de xestionar as prioridades da Coruña”, concluíu.