O POS permitirá a Culleredo renovar vías do rural con cinco actuacións e un investimento de 1,3 millóns de euros

Culleredo xa ten encamiñada a folla de ruta para investir os fondos provinciais do Plan de Obras e Servizos deste ano. O pleno deu luz verde á proposta do goberno municipal, un paquete de actuacións que busca reforzar a renovación da rede viaria rural e mellorar a mobilidade e a seguridade tanto para condutores como para peóns, cun conxunto de investimentos que superan o millón de euros.
A planificación aprobada reserva a maior parte das partidas para renovar estradas e firmes en catro zonas do municipio. En Tarrío proxéctase a remodelación das rúas Fonte do Souto, Tarrío, Leonzas, Manuel Reboredo e vías adxacentes, cun orzamento de 216.560,06 euros, como continuidade da humanización da estrada principal. En Sésamo acondicionarase a rúa Campo da Fonte por 208.187,97 euros, un vial moi usado que, segundo se explica, se foi deteriorando co paso do tempo.
En Castro Laxe actuarase sobre as vías O Tuto, Castro, Nabas e Cadaval, cun investimento de 122.896,98 euros para renovar o firme. A batería de melloras completarase en Almeiras coa rehabilitación de pavimentos nas rúas Eladio de la Iglesia, Pelamios e Silva, cunha partida de 285.390,26 euros.
A quinta gran intervención do POS será urbana e centrarase na reforma das prazas da urbanización de Tierno Galván, en Acea de Ama, cun desembolso de 495.524,32 euros, unha actuación que o Concello vincula á renovación da avenida que prevé iniciar en breve. Xunto a unha partida de 110.016,86 euros para gastos correntes, as actuacións ao abeiro do POS suman 1.438.576,45 euros.
Ademais, o plan complementario incorpora a modernización da iluminación pública na N-550 ao seu paso por O Portádego e A Corveira, cun investimento de 371.991,96 euros, con tecnoloxía LED e sistema de telexestión.
O alcalde, José Ramón Rioboo, avanzou tamén que o Concello traballa xa en novos proxectos para presentar en futuras convocatorias provinciais, con especial atención á seguridade viaria e á renovación do núcleo de Alvedro, unha actuación que cualificou de urxente.