O porto de A Coruña volverá patinar por Lucas Seijo cunha cita internacional de freestyle

ACoruñaXa
A Lucas Slalom Cup celebrarase do 30 de abril ao 3 de maio nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, dentro dunha semana que une deporte, convivencia e memoria
Patinaxe xenérica
29 Apr 2026

O porto da Coruña converterase do 30 de abril ao 3 de maio nun gran escenario para a patinaxe en liña coa celebración da Lucas Slalom Cup 2026, unha competición internacional que reunirá deportistas de distintos países nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería. A cita nace como homenaxe a Lucas Seijo Fernández, o novo patinador galego falecido en 2024, e busca manter vivo o seu recordo a través do deporte, da convivencia e do espírito de comunidade.

A proba forma parte da Lucas Roller Week, unha programación de catro días dedicada ao inline freestyle e ao skate cross, con competicións oficiais e actividades abertas ao público. A organización define o encontro como unha proposta que vai máis alá dos resultados deportivos, pensada para reunir familias, clubs, deportistas e afeccionados arredor da paixón polos patíns.

Durante a semana desenvolveranse modalidades como speed slalom, battle, classic, classic pairs, saltos, derrapes e skate cross. A Lucas Slalom Cup contará con recoñecemento internacional de World Skate, cunha categoría de 2 estrelas para as probas sénior e sub 19, mentres que a competición sub 15 figura como proba de 1 estrela.

O programa arrincará o xoves 30 de abril coa chegada e acreditacións dos participantes, as primeiras probas de inline freestyle e speed slalom, ademais do acto inaugural '16 luces por Lucas' e unha ruta nocturna de mobilidade sustentable. A programación continuará ata o domingo 3 de maio cun calendario suxeito a axustes por razóns deportivas, técnicas ou meteorolóxicas.

A celebración no porto enmárcase na liña de apertura progresiva da fachada marítima á cidadanía, impulsando o uso destes espazos para eventos deportivos e culturais. Coa Lucas Slalom Cup, A Coruña suma unha nova cita internacional ao seu calendario deportivo e reforza o legado dun mozo patinador que continúa presente sobre rodas.

0.14710783958435