O Portazgo Bravú gaña o 43º Torneo de Chave Concello de Culleredo

A tradición chaveira de Culleredo volveu quedar de manifesto coa celebración da 43ª edición do Torneo de Chave Concello de Culleredo, unha cita que reuniu este domingo en Celas a decenas de afeccionados a esta modalidade deportiva tradicional.
A competición estivo moi disputada e rematou coa vitoria do Portazgo Bravú, que se proclamou campión con 98 chaves. Entre os premios individuais, José Manuel Varela, do club Aldea, foi recoñecido como máximo chaveiro tras acadar 25 chaves; Daniel Cebral, do Portazgo, levou o premio ao maior número de plenos; e Rubén, do club Acea de Ama, impúxose no Súper Chave.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, acompañado pola concelleira de Deportes, Cristina Pardo, fixo entrega dos premios aos gañadores. O rexedor felicitou aos equipos e afeccionados por “manter tan vivo un deporte tan noso como a chave”.
Nesta edición participaron catro clubs de Culleredo —Acea de Ama, Portazgo, Boedo e Aldea—, ademais do equipo convidado de Meixigo. A dirección técnica da competición correu a cargo de O Xismo.