O 'Portal da Investigación da Universidade da Coruña' reúne a produción dos seus investigadores
A Universidade da Coruña puxo en marcha este xoves 15 de febreiro, o 'Portal da investigación da UDC', un novo sitio web onde se pode consultar toda a produción científica e as métricas dos seus centros singulares, grupos de investigación e persoas investigadoras mediante unha interface de fácil uso.
O obxectivo do portal é mellorar a visibilidade e a transparencia da actividade investigadora da UDC e ser unha ferramenta útil para o persoal investigador e as unidades de xestión da investigación, que non terán a necesidade de cargar a información, posto que o sitio web se nutre directamente de bases de datos científicas xa existentes.
Actualmente, o portal recolle a totalidade do persoal docente e investigador activo da UDC e aliméntase coas publicacións existentes en Dialnet, Scopus e Web of Science (WoS). A actualización da información realizarase de forma automática periodicamente, permitindo acceder aos datos máis recentes de forma sinxela.
As buscas poden filtrarse por centro, grupo ou investigador ou investigadora individual, o que facilita ao usuario explorar na estrutura universitaria, localizar persoas expertas en diversas disciplinas, acceder ás súas publicacións e consultar indicadores bibliométricos a nivel individual, colectivo e institucional.
O 'Portal da Investigación da UDC' é de libre acceso para o público en xeral, pero para visualizar algúns dos indicadores e dispoñer doutras opcións, como o acceso aos textos completos dos documentos, cómpre ser membro da comunidade universitaria. O único requisito, neste caso, será identificarse co usuario e contrasinal se se quere ter opción tamén a estes recursos. Ademais, aos investigadores e investigadoras permitiralles descargar o seus currículos e informes co impacto normalizado das súas publicacións, así como xestionar os seus perfís de investigadores/as.
A orixe do portal
O proxecto deste novo portal da investigación nace da colaboración entre o Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicación e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Malia a posta en marcha desta ferramenta, de momento continuará tamén en funcionamento a do Sistema Unificado de Xestión da Investigación (SUXI), que se viña utilizando pola UDC como única alternativa para a xestión dos méritos de investigación, e á que finalmente acabará por substituír nun futuro próximo.