O pop galego de Anxo Araújo soará no Anfiteatro de Arteixo pola Festa da Música

ACoruñaXa
O concerto celebrarase o venres 26 de xuño ás 20.30 horas, ao aire libre, con entrada de balde e para todos os públicos
ARTEIXO festa da musica anxo
18 Jun 2026

A Festa da Música 2026 terá parada en Arteixo cun dos nomes emerxentes do pop independente galego. Anxo Araújo actuará o venres 26 de xuño no Anfiteatro, nun concerto ao aire libre pensado para todos os públicos e organizado con motivo da celebración do Día da Música, que se conmemora cada 21 de xuño.

A cita será ás 20.30 horas e terá entrada libre. O concerto forma parte da programación cultural de primavera e comezo do verán en Arteixo, que xa viña reservando o Anfiteatro como un dos espazos protagonistas para as propostas musicais e escénicas ao aire libre.

Anxo Araújo chega a Arteixo cun repertorio que combina pop de autor, sensibilidade melódica e unha aposta clara pola música en galego. O seu proxecto en solitario botou a andar en 2021 co disco 'Plan de urbanismo para un novo couto mixto', un debut de ton introspectivo e persoal co que comezou a abrirse paso na escena independente.

A súa consolidación chegou con 'Aprender a bailar', publicado en 2024, un traballo no que o artista buscou refuxio nos ritmos de baile sen perder a elegancia vocal nin a escrita coidada. Esa liña continúa no seu EP máis recente, 'Viva a costa alentexana', editado en 2025, no que mantén a presenza dos sintetizadores, os ventos e os ritmos latinos.

O resultado é unha proposta luminosa, elegante e próxima, na que o pop galego se cruza con atmosferas cálidas e arranxos de aire contemporáneo. A súa traxectoria recibiu xa recoñecemento dentro da música galega, tras ser finalista nos Premios Martín Códax en 2023 na categoría de mellor proxecto de pop indie.

0.13493084907532