A regulación do Polígono de Pocomaco pasa ás mans do Concello
O Goberno municipal e a directiva da Comunidade de Propietarios de Pocomaco chegaron esta semana a un acordo para regularizar a situación do polígono e cederlle ao Concello o seu mantemento. A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a proposta de convenio que permitirá poñer fin a unha situación irregular. O polígono de Pocomaco, de promoción privada, impulsouse no ano 1966, mais desde entón non se culminara o procedemento legal de cesión de espazos viarios, zonas verdes e espazos públicos, polo que o mantemento destes corría a cargo dos propietarios e non resultaba posible o establecemento de servizos públicos nun espazo privado.
"Temos chegado a un acordo coa directiva da asociación de propietarios para poder regularizar unha situación anómala, o que permitirá mellorar con investimentos públicos o polígono nos vindeiros anos", indicou o concelleiro responsable da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage. "Impulsamos as negociacións cos propietarios co fin de darlle unha solución ao polígono, que levaba máis de cinco décadas nunha situación irregular", explicou Lage.
Deste xeito, o Concello asume a mellora dos pavimentos, a modernización, saneamento e instalación de novo mobiliario urbano no polígono nos vindeiros catro anos, e asume tamén a limpeza viaria e recollida de lixo. O acordo permitirá mellorar o transporte público no polígono e facilitará a instalación de servizos municipais como é o caso de BiciCoruña. Pola súa banda, os propietarios deberán executar itinerarios peonís, como indica a normativa, e mellorar a iluminación adaptándoa á normativa para a súa entrega ao Concello.
"O convenio servirá para poñer fin a unha situación anómala e permitirá axilizar as licenzas, mais tamén realizar investimentos en solo público que ata agora non se podían facer por estar en mans privadas", indicou Lage Tuñas. A proposta, aprobada hoxe en Xunta de Goberno, será elevada a Pleno para a súa ratificación. Unha vez aprobada, os propietarios do polígono deberán ratificala en asamblea para facela efectiva.
Os viais de Pocomaco suman 88.711 metros cadrados, aos que se engaden 2.002 metros cadrados de camiños de servizos e 43.008 metros de zonas de servizos para o paso de canalizacións.