O pleno de Culleredo debate a implantación das videoactas nos órganos colexiados

ACoruñaXa
Con esta proposta búscase modernizar o sistema, ao tempo que se aumenta a transparencia e se achega a actividade municipal á cidadanía
Imaxe do pleno ordinario no Concello de Culleredo
Pleno do Concello de Culleredo
13 May 2025

O Concello de Culleredo leva este martes 13 de maio a pleno a implantación das videoactas, un novo sistema para documentar en vídeo as sesións plenarias, as comisións informativas e as Xuntas de Voceiros. Con esta medida preténdese mellorar a transparencia, a accesibilidade e a eficiencia administrativa, así como modernizar o sistema e adaptalo aos novos tempos.

A partir da súa implantación, todas as sesións dos órganos colexiados serán gravadas. No caso dos plenos, estarán dispoñibles nunha plataforma en liña, todo baixo a premisa de que a cidadanía poida consultalas en calquera momento dun xeito sinxelo.

As gravacións formarán parte da acta oficial de cada sesión, acompañadas dunha certificación que garanta a súa autenticidade. Ademais, as gravacións dos plenos incluirán tamén as intervencións veciñais que se teñan solicitado formalmente.

Dentro desta proposta inclúese tamén a posibilidade por parte dos membros da corporación de asistir e participar nos órganos colexiados por vía telemática, mediante videoconferencia, nos casos debidamente xustificados ou por causas acreditadas. Será o caso, por exemplo, de permisos de maternidade ou paternidade ou baixas de risco durante o embarazo, entre outras.

⚙ Configurar cookies
0.18376493453979