O Pleno de Culleredo aproba un sistema de vídeo-actas para gravar as sesións plenarias

O Concello de Culleredo celebrou na noite do pasado martes o pleno da corporación, correspondente ao mes de abril, xa que tivo que ser aprazado polo apagón ao non estar dispoñible a documentación durante o prazo que marca a lexislación.
O pleno aprobou a proposta do goberno local de modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) para incluír o sistema de vídeo-acta. As sesións serán gravadas, incorporándose á acta, e no caso dos plenos estarán dispoñibles nunha plataforma en liña.
Así mesmo, o cambio inclúe melloras nos dereitos de representatividade dos edís. O alcalde, José Ramón Rioboo, reuniu as propostas de Alternativa dos Veciños e PP para definir o texto definitivo, de tal forma que os concelleiros poderán participar nos órganos colexiados por videoconferencia en casos como permisos de maternidade ou paternidade ou baixas de risco durante o embarazo. Tamén se permitirá, nos órganos colexiados onde non haxa posibilidade de suplentes, en casos de baixas médicas. O punto saíu adiante cos votos favorables de PSOE, Alternativa e PP.
A conta xeral, correspondente ao ano 2023, foi outro dos asuntos principais da orde do día. Foi rexeitada cos votos de PP e BNG. O PSOE votou a favor e Alternativa abstívose. Porén, a conta non contou con alegación ningunha durante o seu período de exposición ao público.
O alcalde indicou que se trata dun documento técnico elaborado por Intervención co obxectivo de reflectir a realidade contable neste caso do 2023. Aínda que o punto fose rexeitado, a obriga do Concello era levalo a pleno para poder presentalo ante o Consello de Contas.
No apartado de mocións, quedou rexeitado o texto presentado polo BNG sobre unhas obras particulares no monte Alfeirán. O PP apuntou que os informes dos técnicos municipais son favorables e considerou que incoar expediente non é competencia plenaria, argumentos cos que coincidiu o goberno local.
O punto contou coa intervención dun representante dos veciños da zona, que expresou a súa opinión sobre os efectos da obra. Tras a votación, co rexeitamento de PP e PSOE, a abstención de Alternativa e os únicos votos favorables do BNG, veciños presentes no público increparon á voceira do PP, tendo que pedir o alcalde orde ante o sucedido.
Ademais, saíu adiante por unanimidade unha moción do BNG sobre os taxis adaptados. Rioboo avanzou que, de acordo coa Asociación de Taxis de Culleredo, serán dúas as licenzas de taxi adaptado que se sacarán a concurso.
No apartado de rogos e preguntas, o concelleiro do BNG, Xabier Villarrenaga, denunciou unha presunta situación de machismo en Orro. Expuxo que hai dúas semanas, unha decena de mulleres quedou fóra do centro social de Orro porque o presidente da Agrupación Veciñal Orro Novo Orro Vello dixo que “os homes non queremos ás mulleres aquí”. “Estas palabras non teñen encaixe na sociedade actual e representan unha agresión machista por negar espazos á muller polo feito de selo”, apuntou o edil nacionalista, pedindo medidas oportunas para que ningunha muller quede privada dos seus dereitos e, de ser o caso, suxeriu privar a esta agrupación do uso de espazos municipais.
Ante esta denuncia, o Concello debe investigar os feitos e convocará unha reunión na que participen as persoas afectadas, incluído o concelleiro denunciante. “No suposto de que sexa real, é moi grave”, afirmou o alcalde.
Villarrenaga mostrou a súa disposición a participar na reunión dada a gravidade dos feitos, desexo ao que se sumou o PP. O rexedor avanzou que se convocará a todos os grupos e procurarase que sexa con inmediatez.