O pleno de Carral decidirá se debate dúas mocións do PSdeG sobre FP e un bono deporte

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian que o goberno local deixou as iniciativas fóra da orde do día e que a súa tramitación dependerá de que prospere a declaración de urxencia
CARRAL pleno extra 13.07.2026
28 Jul 2026

O pleno ordinario que o Concello de Carral celebrará este xoves, 30 de xullo, ás 20.00 horas, decidirá tamén se incorpora ao debate dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista que finalmente non figuran na orde do día da sesión.

Segundo denunciou o PSdeG, ambas propostas foron rexistradas en prazo e a formación solicitou tanto por rexistro como durante a Comisión Informativa que fosen incluídas na convocatoria do pleno. Ao non formar parte da orde do día, a súa tramitación dependerá agora de que a corporación aprobe a declaración de urxencia ao comezo da sesión.

Unha das iniciativas propón crear un bono deporte que permita á veciñanza acceder a prezos máis vantaxosos nas actividades e instalacións deportivas municipais. A segunda reclama estudar, en colaboración con outros concellos e coa Xunta de Galicia, medidas para mellorar o acceso da mocidade de Carral á Formación Profesional pública.

Os socialistas consideran que esta fórmula obriga aos grupos municipais a pronunciarse primeiro sobre se aceptan ou non debater as propostas antes de entrar no seu contido. Por iso, agardan contar co apoio da corporación para que ambas mocións poidan ser discutidas e votadas durante a sesión.

0.11826992034912