O pleno de Carral debaterá destinar máis de 755.000 euros do Plan Único a seguridade viaria e instalacións deportivas

ACoruñaXa
A proposta inclúe actuacións na estrada de O Quenllo e a mellora das pistas polideportivas de Tabeaio e O Canedo
concello carral
28 Jan 2026

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, levará ao pleno ordinario deste xoves, ás 20.00 horas, unha proposta para investir 755.064,34 euros do Plan Único da Deputación da Coruña en tres intervencións que o Goberno municipal cualifica de prioritarias: reforzar a seguridade viaria na estrada de O Quenllo e rehabilitar as pistas polideportivas de Tabeaio e do local social de O Canedo.

No caso de O Quenllo, a actuación prevé ampliar o ancho da vía, executar cunetas de seguridade e acometer traballos de sinalización e balizamento. Pola súa banda, en Tabeaio proxéctase mellorar o uso da pista cunha nova cuberta e rehabilitar o pavimento deportivo, con reparación da superficie e un novo marcado para modalidades como fútbol sala e baloncesto. Ademais, inclúense melloras de accesibilidade nos accesos desde o vial e na contorna do centro social Xente Nova de Tabeaio, a renovación do peche perimetral e a instalación de novo equipamento (redes de protección, bancos e papeleiras).

En O Canedo, as obras contemplan un novo pavimento mediante solera de formigón, o marcado das pistas de fútbol sala e baloncesto e o subministro e colocación de porterías e canastras.

Na mesma sesión plenaria tamén se someterá a debate a proposta para o Plan Complementario 2026, por un importe de 1.073.373,70 euros, que o executivo local pretende dedicar integramente a melloras de seguridade viaria en distintos puntos do municipio, con actuacións como:

  • Mellora da pavimentación das beirarrúas en Belvís de Paleo.
  • Mellora da pavimentación da beirarrúa na rúa José Boga.
  • Mellora da capa de rodadura na estrada de Abrigosa (San Vicente de Vigo).
  • Mellora da capa de rodadura, formación de cunetas e canalización da rede de pluviais na rúa da Chousa.
  • Mellora da pavimentación das beirarrúas desde Paleo ata o centro de saúde de Carral.
  • Mellora da pavimentación das beirarrúas da rúa Manuel Ferrol.

Por último, o alcalde elevará ao pleno a ratificación dun decreto para solicitar unha subvención á Deputación coa que executar o proxecto de mellora e actualización da contorna do conxunto hidráulico Costa da Égoa-Batán.

⚙ Configurar cookies
0.076462984085083