O pleno da Coruña urxe á alcaldesa a tomar medidas excepcionais ante a folga no servizo de recollida de lixo

ACoruñaXa
O BNG sinalou que a cidade está a vivir “unha nova folga encuberta nos servizos de limpeza e recollida do lixo, que ten a cidade chea de sucidade e con lixo amoreado nos contedores e a súa contorna”
Imaxe do lixo na Courña diante dun supermercado
Imaxe do lixo na Coruña diante dun supermercado
4 Xul 2024

O Pleno aprobou por unanimidade unha emenda de substitución do BNG a unha moción do PP por medio do cal se insta a alcaldesa a adoptar medidas extraordinarias fronte á folga no servizo de recollida do lixo.

A moción do PP só demandaba que a alcaldesa mediase no conflito entre a concesionaria e o comité de empresa, unha acción que o BNG consideraba claramente insuficiente para resolver unha situación que ameaza con se converter nun grave problema de saúde pública.

Para o BNG, a cidade está a sufrir as consecuencias dun problema enquistado nos servizos de limpeza viaria e recollida do lixo, o que deriva do feito da existencia dun grupo -mal chamado sindicato- que controla a política de contratación e de promoción do persoal a través dunha trama que está a ser investigada pola presunta comisión de graves delitos.

O que estamos a vivir estes días -dixo no Pleno o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera- é “unha nova folga encuberta nos servizos de limpeza e recollida do lixo, que ten a cidade chea de sucidade e con lixo amoreado nos contedores e a súa contorna”.

“Todos sabemos o que hai detrás desta folga”, dixo Jorquera en relación ás prácticas presuntamente delituosas do STL. “Mais o certo é que o grupo municipal do BNG foi o único que tivo a valentía de denunciar o que estaba a pasar”, de forma que “hoxe está aberto un proceso xudicial no que hai persoas vencelladas a estes servizos que están imputadas pola presunta comisión de delitos de estafa, corrupción e branqueo de capitais”.

É por isto que aínda que se alcanzase agora un acordo que puxese fin a esta folga, se non se ir á raíz do problema, en non moito tempo volveríamos estar na mesma situación.

O texto proposto polo BNG e asumido polo Pleno pide que o Goberno Local supervise o cumprimento estrito do contrato por parte da concesionaria e que estableza as penalidades pertinentes en caso de incumprimento.

Ao mesmo tempo, o Executivo coruñés debe velar para que os criterios de contratación e persoal e de promoción interna “sexan equitativos e transparentes”, ben como tamén debe colaborar no proceso xudicial en curso “para que se depuren todas as responsabilidades”.

Por último, o texto pide que se leve a cabo unha investigación interna -ao que o Goberno Local se comprometeu no Acordo de Investidura- e se adopte, ao abeiro do establecido na lexislación, as medidas extraordinarias “que sexan necesarias para evitar que a actual situación derive nun problema de saúde pública”.