O Pleno da Coruña aproba investir máis de 1,2 millóns de euros na ampliación e mellora do Parque de Bombeiros

ACoruñaXa
A aprobación do investimento permitirá a adquisición de novos vehículos e a ampliación das instalacións do Parque de Bombeiros
Imaxe do Pleno do 3 de outubro 2024 na Coruña
3 Out 2024

Durante a sesión ordinaria do Pleno municipal, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, aprobáronse inicialmente, por unanimidade, importantes investimentos que superan os 1,2 millóns de euros para o Parque de Bombeiros da Coruña. Este orzamento, que se eleva a 1.274.532 euros, destinarase á mellora dos equipamentos e infraestruturas necesarias para o servizo de extinción de incendios na cidade.

O voceiro do executivo municipal, José Manuel Lage, explicou que o Goberno, liderado por Inés Rey, ten previsto adquirir unha parcela lindeira ao actual parque de Bombeiros en Agrela. Esta adquisición, cun orzamento de 431.000 euros (dos cales 388.000 euros provén das contribucións especiais), permitirá ampliar a superficie dispoñible e adaptar as instalacións a futuras necesidades que poidan xurdir.

Ademais da ampliación física, está previsto realizar investimentos para reforzar a frota marítima dos Bombeiros da Coruña. Actualmente, o servizo conta cunha embarcación e dúas motos de auga para rescates no mar, pero está programada a incorporación dunha nova moto acuática, así como a adquisición dunha autoescada e un vehículo lixeiro para o transporte de persoal. Estes investimentos sumarán un total de 624.000 euros.

Asemade, o Concello destinará 360.591 euros á compra de un vehículo de descontaminación equipado para afrontar situacións de emerxencia. Este conxunto de medidas ten como obxectivo non só modernizar e optimizar os recursos do Parque de Bombeiros, senón tamén garantir a seguridade dos cidadáns da Coruña ante posibles incidencias.

0.18912100791931