O Plan Rexurbe suma un novo fogar en Betanzos cun alugueiro público de menos de 180 euros ao mes

ACoruñaXa
A Xunta entrega unha vivenda rehabilitada na rúa Pinche a un mozo menor de 36 anos e alcanza xa as 20 adxudicacións no centro histórico da cidade
BETANZOS casa alugueiro
6 Aug 2026

O centro histórico de Betanzos conta desde este xoves cunha nova vivenda pública en réxime de alugueiro grazas ao Plan Rexurbe, impulsado pola Xunta para recuperar inmobles tradicionais e destinalos a uso residencial. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, fixo entrega das chaves ao novo inquilino, un mozo menor de 36 anos.

A vivenda está situada na rúa Pinche e forma parte da rehabilitación integral dun edificio de baixo e dúas plantas realizada pola Administración autonómica. O adxudicatario abonará un alugueiro mensual de 177,7 euros.

Con esta entrega, a Xunta alcanza xa as 20 vivendas públicas adxudicadas en Betanzos, todas elas froito da recuperación de 15 inmobles adquiridos no marco do Plan Rexurbe. O investimento destinado ao programa na cidade supera os 5 millóns de euros, unha contía que inclúe a compra dos edificios, a redacción dos proxectos e a execución das obras.

Durante o acto, Allegue destacou que estas actuacións non só permiten incrementar o parque público de vivenda, senón que tamén contribúen á recuperación e revitalización do casco histórico brigantino, favorecendo que novos residentes se instalen nunha das zonas con maior valor patrimonial da cidade.

A conselleira lembrou ademais que a política de vivenda da Xunta inclúe novas medidas para facilitar o acceso a un fogar. Entre elas, destacou o incremento dos limiares de renda ata catro veces o Iprem (catro veces e media no caso das familias numerosas) e as reservas de vivenda para determinados colectivos. Así, o 40% das novas vivendas públicas en alugueiro e o 25% das destinadas á compra resérvanse para menores de 36 anos, mentres que un 30% das novas promocións en réxime de compra se reserva para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo.

0.12058615684509