O plan para converter o antigo chan militar de Agrela en cocheiras do autobús urbano avanza na Coruña

ACoruñaXa
A Xunta de Goberno Local aproba inicialmente a reparcelación de 21.000 metros cadrados de Defensa na contorna da estrada de Baños de Arteixo
A CORUÑA antiguo cuartel a grela
1 Jul 2026

O Goberno municipal coruñés deu o primeiro paso para obter a titularidade de algo máis da metade do antigo Cuartel de Automóbiles de Agrela, un soar propiedade do Ministerio de Defensa que actualmente carece de uso e leva moitos anos abandonado. A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial o proxecto de reparcelación desta parcela estratéxica, situada xunto á estrada de Baños de Arteixo.

O plan do Executivo que dirixe Inés Rey céntrase en conseguir uns 21.000 metros cadrados da superficie total do terreo (que suma 42.000 metros cadrados), o que se traduce nunha edificabilidade de 38.000 metros cadrados. Segundo detallou o voceiro municipal, José Manuel Lage, este espazo loxístico destinarase a albergar as futuras cocheiras e instalacións do servizo de transporte urbano de cara ao novo contrato que sairá a concurso público proximamente.

O edil destacou na súa rolda de prensa que esta operación se realiza sen custo económico para as arcas locais, un factor clave xa que doutro xeito o Concello tería que desembolsar importantes cantidades de cartos para poder dispoñer de terreos con estas superficies. Coa luz verde do órgano de goberno, ábrese agora un período de trinta días de exposición pública como paso previo e canle habitual antes de proceder á súa aprobación definitiva.

0.12681579589844