O Plan de Recuperación de Ruínas na Coruña avanza coa subasta do inmoble no número 3 da rúa Damas
O Concello da Coruña activará nos próximos días a subasta pública do inmoble situado no número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella, un paso clave dentro do Plan Municipal de Recuperación de Ruínas impulsado polo Goberno de Inés Rey. Este plan ten como obxectivo axilizar solucións para o abandono de edificios e solares na cidade.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, destacou a importancia deste proxecto na revitalización de oito inmobles marcados como prioritarios, situados maioritariamente no ámbito do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) e en Santa Lucía. “Dos oito edificios identificados, activamos tres procesos de subasta, un xa conta con licenza de rehabilitación e hai outros dous con informes de viabilidade en trámite”, explicou Díaz Gallego.
No caso do número 3 da rúa Damas, desbloqueouse unha situación complexa debido ás cargas impostas pola AEAT. Agora, o proceso de venda forzosa iniciarase nos próximos días e será notificado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Entre os avances recentes, destaca o número 72 da rúa Orzán, que obtivo licenza para rehabilitación e contará con catro novas vivendas. Outros expedientes avanzan con propostas en revisión, mentres que o número 8 da rúa Santa Lucía segue pendente de resolución tras unha demolición parcial da súa estrutura realizada polo Concello.
“Estes procedementos son longos e complexos, pero imprescindibles para garantir a recuperación do noso patrimonio e eliminar focos de insalubridade e riscos para a veciñanza”, subliñou o concelleiro.