O Plan de Recuperación de Ruínas avanza con novas subastas na Coruña

ACoruñaXa
Francisco Díaz Gallego destaca a importancia da medida para combater a insalubridade e promover a rehabilitación de edificios abandonados
Imaxe de Francisco Díaz Gallego
20 Jan 2025

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, fixo balance esta mañá dos avances do Plan Municipal de Recuperación de Ruínas, unha medida pioneira promovida polo goberno de Inés Rey. O plan ten como obxectivo axilizar a recuperación de edificios, soares e inmobles abandonados que poden converterse en focos de insalubridade e inseguridade, ademais de afear esteticamente a cidade.

Na rolda de prensa, Díaz Gallego subliñou que, dos oito expedientes incluídos na folla de ruta inicial, tres xa iniciaron o proceso de subasta pública, un conseguiu a licenza de rehabilitación sen necesidade de venda forzosa, dous están en análise pola Comisión do PEPRI, e outro permanece á espera de resolución xudicial. Este balance, segundo o concelleiro, reflicte o compromiso do Concello por impulsar a recuperación do patrimonio urbano en abandono.

Entre os avances máis recentes destaca a activación, a semana pasada, da subasta pública do inmoble número 3 da rúa Damas, situado na Cidade Vella. Este proceso, publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 13 de xaneiro, abriu un prazo de 30 días hábiles para que posibles compradores poidan informarse sobre o estado do edificio, datado en 1900. A subasta comezará cun prezo de saída superior aos 110.000 euros, cunha posibilidade de rebaixa do 25 % en caso de quedar deserta.

Díaz Gallego explicou que o Plan afronta procedementos longos e complexos, xa que se trata de propiedades privadas que, en moitos casos, presentan conflitos entre herdeiros ou falta de iniciativa para o seu mantemento. “Pese ás dificultades, estamos avanzando para garantir a rehabilitación dos edificios e evitar que se convertan en problemas para os barrios”, destacou o edil.

Outros expedientes en marcha inclúen as propiedades situadas no número 130 da rúa Orzán e no 140 da rúa San Andrés, ambas con anteproxectos xa presentados para rehabilitación. Ademais, no número 72 da rúa Orzán xa se concedeu unha licenza de rehabilitación, permitindo a construción de catro novas vivendas.

Por outra banda, o inmoble do número 4 da rúa Pastoriza iniciará a venda forzosa tras a declaración de incumprimento das obrigas de conservación emitida en outubro de 2024. Mentres tanto, o soar do número 6 da rúa Herrador permanece paralizado por resolución xudicial, aínda que xa conta con posibles compradores interesados.

Para Díaz Gallego, o balance do Plan é positivo: “Estamos a conseguir que outros concellos de Galicia tomen este modelo como referencia. A recuperación do noso patrimonio urbano é fundamental para garantir unha cidade máis segura, habitable e esteticamente coidada”, concluíu.

0.072470188140869