O Plan de Acción Integrado de Culleredo logra 6,5 millóns de fondos europeos e sitúase entre os máis valorados de Galicia

Culleredo asegurou a financiación europea do Plan EDIL para executar o seu Plan de Acción Integrado, despois de que o Ministerio de Facenda publicase a resolución definitiva da convocatoria. O Concello recibirá 6.547.728 euros, unha achega que cobre o 60% dun investimento total de 10.912.880 euros, cofinanciado xunto con fondos municipais.
Segundo os datos da avaliación, Culleredo acadou 67 puntos, a quinta mellor puntuación en Galicia na categoría de cidades intermedias. A valoración tivo en conta criterios como a capacidade transformadora do plan, a viabilidade das actuacións, a solvencia para asumir a parte non subvencionada e a participación cidadá.
O alcalde, José Ramón Rioboo, considera que a concesión dos fondos supón ‘un respaldo a un traballo rigoroso’ de planificación e sinala que o proxecto, centrado no litoral e coordinado coa rexeneración ambiental da ría do Burgo, permitirá tamén liberar recursos propios para actuacións específicas no rural.
O Plan estrutúrase en catro proxectos. O primeiro, 'Avenida da Ría', contará con 1.450.000 euros para reordenar e renaturalizar as avenidas de Fonteculler e Acea de Ama, mellorando a seguridade viaria, incrementando a masa vexetal e favorecendo a mobilidade peonil.
O segundo, 'Conectores ría-cidade', é o de maior investimento, con 5.916.363,22 euros, e busca aumentar a accesibilidade entre os barrios e o bordo da ría. Inclúe unha estratexia de infraestrutura verde e un plan director para tres grandes conexións: O Burgo (da praza de Galicia á ría pola antiga fábrica de La Cros), Acea de Ama (do enlace do río Trabe ao paseo marítimo) e Fonteculler (ligando equipamentos como centros educativos). Neste bloque tamén se prevén melloras no Xardín Botánico do Burgo, a posta a punto dos muíños de Acea de Ama e a rexeneración urbana de Tierno Galván.
O terceiro proxecto, 'Áreas de centralidade', suma 2.079.991,91 euros para modernizar espazos públicos e reforzar a actividade comercial e de servizos, con actuacións no entorno da igrexa do Burgo, a praza de Galicia, a rúa Andrés Pan Vieiro e a rúa Moncho Reboiras.
Por último, 'Capital Social Culleredo' contará con 1.470.000 euros para mellorar servizos municipais: administración dixital, solucións de 'Culleredo Smart City', formación a pemes, creación dun centro social no edificio de Radio Culleredo mediante rehabilitación enerxética, programas formativos ambientais para favorecer a inserción laboral e a ampliación das accións do Centro de Emprego Pablo Picasso.