O persoal do ensino concertado galego mobilízase este xoves cunha caravana de coches en cinco cidades

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
As caravanas partirán ás 18.30 horas desde diferentes puntos das cinco cidades
A CORUÑA caravana concertado
25 Nov 2026

O persoal traballador do ensino concertado de Galicia sairá á rúa este xoves, 26 de novembro, cunha caravana de coches que percorrerá Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense para expresar o seu malestar pola falta de avances nas negociacións coa Consellería de Educación.

A mobilización chega ante a falta de vontade da Administración autonómica para convocar os representantes das persoas traballadoras e iniciar a negociación das reivindicacións que o colectivo leva formulando desde hai case 20 anos.

Esta iniciativa enmárcase no calendario de mobilizacións que o sector desenvolve desde o pasado mes de maio e constitúe o paso previo á cuarta folga convocada no ensino concertado en apenas tres meses, prevista para o vindeiro 15 de decembro.

As caravanas partirán ás 18.30 horas desde diferentes puntos das cinco cidades. En Vigo, o punto de encontro será o aparcadoiro do Museo Verbum, en Samil; na Coruña, o Edificio Sindical de Alfonso Molina; en Santiago, o aparcadoiro de Santa Marta; en Ferrol, o aparcadoiro da Malata; e en Ourense, a explanada de Expourense.

Entre as principais reivindicacións do colectivo figura a convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do Ensino Concertado e a apertura de negociacións sobre os numerosos asuntos pendentes, así como o establecemento dun calendario de acordos para os próximos anos.

O persoal reclama tamén o desbloqueo dos acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, que inclúen o aboamento dos complementos de coordinación, titorías e dinamización lingüística, os complementos de cargo e a paga extraordinaria de antigüidade.

A estas demandas súmanse a redución da carga lectiva, a mellora dos acordos de xubilación parcial con contrato de relevo para que poidan acollerse a eles todos os traballadores e traballadoras e o financiamento dun complemento autonómico para o Persoal de Administración e Servizos (PAS).

Con esta nova mobilización, o persoal do ensino concertado busca aumentar a presión sobre a Consellería de Educación para que abra unha vía de diálogo e dea resposta ás demandas laborais e salariais dun colectivo que leva case dúas décadas á espera de avances.

0.13758778572083