O persoal de discapacidade, menores e infantil 0-3 irá á folga o 3 de xuño para reclamar melloras laborais

ACoruñaXa
Delegadas e delegados concentráronse este mércores na Coruña para esixir salarios dignos, redución de ratios e a creación dun complemento autonómico galego
A CORUÑA folga infantil
13 May 2026

O persoal dos sectores de atención á discapacidade, centros de protección de menores e reforma, e educación infantil 0-3 anunciou unha xornada de folga parcial para o vindeiro 3 de xuño. A convocatoria de paro, prevista entre as 9.00 e as 14.00 horas, foi avanzada este mércores durante unha concentración celebrada diante da delegación de Política Social na Coruña, no edificio Amizar.

A protesta forma parte do calendario de mobilizacións que estes sectores manteñen de maneira conxunta desde hai máis dun ano para reclamar melloras nas súas condicións laborais e salariais. O persoal afectado traballa en centros privados ou de xestión privatizada, pero en ámbitos vencellados directamente ás competencias da Consellaría de Política Social.

Entre as principais demandas figuran a redución das ratios, a diminución da carga de traballo, o incremento dos recursos humanos e materiais e a creación dun complemento autonómico galego que permita mellorar uns salarios que, segundo denuncian, se sitúan moi próximos ao salario mínimo interprofesional.

O representante da CIG-Ensino, Henrique García, criticou a 'inacción' da Consellaría e da súa titular, Fabiola García, á que instou a abrir unha negociación co persoal e coas patronais. García advertiu de que a situación é especialmente grave nos sectores ligados aos coidados e á atención directa ás persoas, onde tamén se están a producir mobilizacións en residencias de maiores, centros de día ou servizos de axuda no fogar.

Segundo trasladou o sindicato, os tres sectores afectados agrupan en Galicia arredor de 10.000 traballadoras e traballadores. A súa regulación depende de convenios colectivos estatais que, denuncian, recollen táboas salariais moi baixas e escasos dereitos laborais. Por iso, reclaman abrir un marco galego de negociación que permita acadar acordos adaptados á realidade do sector en Galicia.

Á precariedade salarial súmanse, segundo os representantes do persoal, problemas como a temporalidade, os contratos a tempo parcial, as quendas rotatorias, a nocturnidade e o traballo en festivos e fins de semana. García chegou a denunciar casos nos que a nocturnidade se paga “a un euro á hora”, unha situación que cualificou de incompatible coa prestación dun servizo de calidade.

A folga do 3 de xuño estará precedida por unha peregrinaxe reivindicativa os días 1 e 2 de xuño, que sairá de Arzúa e rematará en Santiago de Compostela. A mobilización culminará o mesmo día da folga cunha manifestación ás 11.00 horas desde o Monte do Gozo ata o complexo administrativo de San Caetano.

De xeito paralelo, o persoal continuará cos chamados 'mércores en loita', concentracións nos propios centros de traballo coas que buscan visibilizar as condicións laborais que consideran “precarias e inxustas” en tres sectores que definen como esenciais pola súa relevancia social.

0.1264340877533