O peche do acceso á praia da Xurela chega ao pleno de Paderne da man do BNG

O BNG de Paderne levou ao último pleno municipal unha pregunta sobre o peche do acceso á praia da Xurela, anunciado polo goberno local por motivos de seguridade. A formación nacionalista solicitou información sobre a situación actual e reclamou alternativas que permitan recuperar o acceso ao areal en condicións axeitadas.
O portavoz do BNG, Manel Pérez, lembrou que a praia da Xurela é un areal moi frecuentado tanto pola veciñanza de Paderne como por persoas doutros municipios da comarca, como Betanzos e Bergondo. Segundo explicou, o acceso agora pechado constitúe a principal entrada a pé, aínda que tamén é posible chegar á praia en embarcación ou camiñando desde a praia da Ponte do Porco, en Miño, cando a marea o permite.
Durante a sesión plenaria, os nacionalistas pediron ao executivo local que aclare quen é o responsable de executar as actuacións necesarias para garantir a seguridade do acceso e cales son os prazos previstos para a súa reapertura.
Ademais, o BNG instou ao goberno municipal a estudar a posibilidade de negociar cos propietarios dos terreos para habilitar un acceso público á praia que cumpra as condicións necesarias de seguridade e accesibilidade.
Segundo sinalou Manel Pérez, esta medida permitiría ofrecer unha solución estable para facilitar o acceso a un espazo natural moi utilizado durante os meses de verán e garantir que poida facerse con todas as garantías para as persoas usuarias.