O Pazo de Mariñán acolle un congreso de Dereito Administrativo Iberoamericano
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e director das xornadas, Jaime Rodríguez-Arana, inauguraron esta mañá de luns este importante congreso internacional, que reúne a algúns dos principais expertos académicos en Dereito Administrativo dos países de Iberoamérica e que nesta edición se celebra baixo o título “Convencionalidad, constitucionalidad, legalidad y administración pública”.
Valentín González Formoso destacou destacou a longa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e a UDC para “converter, un ano máis, á provincia da Coruña na capital do Dereito Administrativo do mundo hispano”. “Desde hai quince anos, a Deputación e a UDC colaboran na organización deste encontro internacional que permite compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas en Dereito Administrativo de ambos lados do Atlántico”, afirmou o presidente provincial, que incidiu nos “estreitos lazos que nos unen desde hai séculos, tamén no mundo do Dereito” e na importancia que a emigración galega nos países de Latinoamérica tivo no desenvolvemento de Galicia, con iniciativas como a construcción de escolas que permitiron o acceso á educación a moitas xeracións de galegos.
Tanto Formoso como Rodríguez-Arana tiveron unha lembranza para José Luís Meilán Gil, impulsor destas xornadas hai xa máis de tres lustros, que agora levan o seu nome como homenaxe.
Ata o vindeiro venres, os e as participantes no congreso abordarán cuestións relacionadas coa Rede Iberoamericana de Contratación Pública, os tratados internacionais de dereitos humanos, o marco constitucional do dereito administrativo, a tutela xudicial efectiva, o dereito ambiental ou dereito administrativo social.