O Pazo de Baldomir recuperará os seus xardíns cun investimento de case 200.000 euros

A contorna do Pazo de Baldomir contará con novas zonas axardinadas, camiños accesibles e espazos de descanso tras unha intervención que busca recuperar un dos enclaves patrimoniais de Bergondo. O Concello sacou a licitación as obras, cun orzamento de 199.975,83 euros financiados con cargo ao remanente de tesouraría municipal.
Os traballos abranguerán unha superficie de 2.830 metros cadrados e distribuiranse en tres áreas: a entrada, o xardín oeste e o bosque. Esta primeira fase do proxecto permitirá acondicionar un espazo actualmente abandonado e mellorar a súa accesibilidade, ademais de conservar o patrimonio natural do recinto, con especial atención ao teixo de Baldomir, incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
A actuación responde a unha proposta veciñal que resultou gañadora nos Orzamentos Participativos de 2024 e que propoñía crear un novo espazo axardinado con fonte, bancos e árbores froiteiras.