O paxaro de Peteiro recupera o brillo perdido no paseo marítimo de Sada

ACoruñaXa
O Concello restaurou a escultura, reparou o mecanismo que a orienta segundo o vento e devolveulle a imaxe coa que foi inaugurada en 2008
SADA paxaro paseo
22 Apr 2026

A escultura do paxaro de Peteiro xa volve lucir nas inmediacións do parque infantil de Sada tras un proceso de restauración impulsado polos servizos municipais. A peza, que co paso do tempo fora perdendo intensidade cromática e presentaba un aspecto moi afastado do orixinal, recuperou agora as súas cores iniciais e tamén o seu funcionamento.

Os traballos foron coordinados entre o persoal de Obras e Servizos e o SEM, que se encargaron do desmontaxe e do traslado da escultura á nave municipal. Alí foi sometida a unha limpeza, a distintas reparacións con fibra de vidro e a un novo pintado con esmalte sintético, sempre respectando a combinación cromática coa que fora concibida. Ademais, o equipo municipal reparou o engrenaxe que permite a rotación da peza e a súa correcta orientación en función do vento.

A actuación permite recuperar un elemento recoñecible do paseo sadense e tamén poñer en valor a pegada artística de Jorge Peteiro, pintor e escultor moi vencellado a Sada, falecido en 2013, cuxa obra destacou precisamente polo uso expresivo da cor e por un universo visual de ton lúdico e cheo de vitalidade.

Con esta intervención, o Concello devolve á contorna un dos seus símbolos máis singulares, devolvéndolle presenza a unha escultura pensada para dialogar coa luz, co vento e co espazo público.

0.12733697891235