O pavillón de Guísamo (Bergondo) convértese nun poboado de Nadal

O Concello de Bergondo transformará o Polideportivo de Guísamo nun máxico Poboado de Nadal os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro, en horario de 17:00 a 21:00 horas. A iniciativa está dirixida ás familias, especialmente aos máis pequenos e pequenas, cunha ampla oferta de actividades e espazos que permiten gozar da maxia do Nadal.
O evento contará cunha zona de xogo libre adaptada ás distintas idades (0-3, 4-8 e 9-12 anos), sempre baixo a supervisión de persoal especializado. Os nenos e nenas poderán participar en obradoiros, actividades de animación e, como non, na esperada visita de Papá Noel e o paxe real.
Tamén se habilitará un mercado con produtos ecolóxicos, artesanais e de proximidade, onde as persoas asistentes poderán mercar agasallos e artigos especiais para estas datas. Entre os proxectos presentes destacan nomes locais como Slow, Dévalo Mel, Pasamarela e moitos máis, reforzando así o apoio do Concello ao emprendemento da zona.
Todas as actividades son gratuítas e non requiren inscrición previa, aínda que os menores deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable. Ademais, o Concello apostou este ano por mellorar a iluminación que decora as rúas do municipio, cun investimento que pasou dos 15.000 euros do pasado exercicio a case 40.000 euros en 2024. Esta achega permite triplicar o número de elementos luminosos respecto a anos anteriores.