O pavillón Arsenio Iglesias de Oleiros estrea pavimento e cuberta tras un investimento de 296.650 euros

O pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz, en Oleiros, xa conta cun novo pavimento deportivo e unha cuberta renovada tras a finalización das obras de mellora, nas que se investiron 296.650 euros.
A intervención permitiu substituír por completo o chan da instalación por unha superficie máis axeitada para a práctica deportiva. A elección do novo pavimento tivo en conta as necesidades trasladadas polos clubs que utilizan habitualmente o recinto.
Os traballos incluíron tamén a renovación integral da cuberta, co obxectivo de solucionar os problemas de filtracións de auga e mellorar o estado xeral do edificio.
Con estas actuacións, o pavillón mellora as súas condicións de uso para as entidades deportivas, a comunidade escolar e o resto das persoas que empregan estas instalacións de Santa Cruz.