O Pasto Rock celebra a súa terceira edición con máis de doce horas de música e actividades en Pastoriza

A parroquia de Pastoriza, en Arteixo, volverá converterse nun punto de encontro para os afeccionados ao rock coa celebración da terceira edición do Pasto Rock, un festival que combinará música en directo, humor e solidariedade ao longo de toda a xornada do sábado 8 de agosto.
Organizado pola Asociación Alma, coa colaboración do Concello de Arteixo, a Deputación da Coruña e outras entidades, o evento desenvolverase na Praza do Santuario e ofrecerá máis de doce horas de programación para todos os públicos.
A actividade arrancará ás 12.00 horas coa iniciativa Libros Solidarios, unha proposta de carácter social que abrirá paso aos primeiros concertos da xornada. Ás 13.00 horas actuará Imago e unha hora máis tarde será a quenda de Os Robustos.
Tras un descanso, o festival retomará a súa programación ás 20.00 horas co monólogo do humorista Roi da Costa. A continuación, subirán ao escenario Doctor Snob (20.30 horas), Os Revenidos (22.30 horas) e Clandestinos, que pecharán a cita a partir da medianoite.
O Pasto Rock consolídase así como unha das propostas musicais do verán en Arteixo, apostando por bandas galegas e por un formato que combina concertos con actividades culturais e solidarias. O festival enmárcase ademais na programación estival vinculada ás celebracións de Pastoriza, un dos núcleos con maior tradición festiva do municipio.