O paseo marítimo de Santa Cristina acolle unha exposición sobre muralismo en Oleiros

ACoruñaXa
A exposición amosa os últimos murais creados no marco do festival 'Expresa Oleiros Urban Fest' e recolle un total de 15 obras distribuídas por todo o municipio
Imaxe da exposición no paseo marítimo de Santa Cristina
12 Nov 2024

Xa está instalada no paseo marítimo da Avenida das Américas, en Santa Cristina, a nova exposición sobre o muralismo en Oleiros, que permite facer un percorrido pola evolución do “Expresa Oleiros Urban Fest”. Esta iniciativa municipal, que cada ano engade tres novas obras de arte urbana en distintos puntos do concello, segue a consolidarse como referente no ámbito da arte mural en Galicia.

Este ano, a exposición conta con tres novas incorporacións: o mural de Diana Rodeiro na piscina de Oleiros, a obra de Sekone no muro inferior da praia de Bastiagueiro, e o traballo de Iria Fafián na rúa do Souto, en Santa Cruz. En total, a mostra componse de 16 paneis que exhiben as 15 creacións realizadas en Oleiros nos últimos anos, entre as que tamén destacan as de Miguel Golmayo, Joseba Muruzábal, Ana Langeheldt, Xoana Almar, Lula Goce, Óscar Martín, Spaik, Lidia Valverde e Luis Olaso.

A exposición ofrece información biográfica e artística dos creadores, ademais de indicar a localización de cada mural para que os visitantes poidan gozar das obras en directo no seu emprazamento orixinal.

0.1922550201416