O Partido Popular de Sada critica o "Goberno dos imprevistos" do alcalde Portela

ACoruñaXa
Solicitarán un pleno extraordinario sobre o estado das contratacións municipais, iniciativa á que se sumaron UPSA e PSdeG-PSOE
Edificio do Concello de Sada
2 Xul 2024

O pasado xoves o Goberno local de Sada levou a pleno para a súa aprobación un recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe global de 82.719,54 euros.

Esta medida é unha medida extraordinaria, pero os populares critican que para o equipo de goberno de Sadamaioría xa é algo habitual, froito da súa pésima xestión, pois cada poucos meses aparece unha nova listaxe de facturas impagadas, cada vez máis longa e custosa.

Facturas a maioría sen proposta de gasto, recorrentes no tempo, contratando á mesma empresa, sen licitar, pagando a empresas con contratos xa non en vigor, e outras, con grandes cantidades sen especificar.

“O Informe xurídico de secretaría e os reparos e advertencias do interventor deixan máis que claro que sería unha irresponsabilidade votar a favor deste recoñecemento extraxudicial de crédito” comenta Esperanza Arias, portavoz do Partido Popular.

Estes informes advirten que procede dar curso urxentemente á licitación da facturación que se está a realizar fraccionando obxectos contractuais e licitar novamente, así como contrátalas que están en precario e enquistadas polo órgano político correspondente e revisar as contías sinaladas antes de proceder ao pago.

Neste sentido, a pesar de que esta situación debería ser inexistente ou extraordinaria, a lista de contratacións vencidas e que seguen a prestarse sen contrato crece e perdura no tempo, a pesar das reiteradas advertencias: Escola de música, o contrato do ciclo integral da auga, o mantemento eléctrico, a limpeza de edificios, o mantemento de zonas verdes e a piscina municipal.

“Estamos a revisar con detemento a información sobre os contratos e facturas aos que se nos vai permitindo acceder, para preparar o próximo Pleno extraordinario que solicitaremos sobre o estado das contratacións municipais, iniciativa á que se sumaron UPSA e PSdeG-PSOE motivado por toda esta mala xestión dos intereses públicos, por unha reiterada falta de programación adecuada en todas as áreas” conclúe Arias.

0.15292000770569