O Partido Popular de Culleredo denuncia a xestión de Rioboo en 2023 e leva as facturas irregulares ao Consello de Contas
Este mércores tivo lugar en Culleredo un pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular, no que se esixiron explicacións ao alcalde José Ramón Rioboo e ao seu equipo de goberno pola "nefasta xestión dos gastos durante o ano 2023, coincidindo co período electoral". Segundo os populares, este ano foi marcado por "innumerables irregularidades orzamentarias que prexudicaron seriamente os intereses de todos os veciños".
A líder e portavoz do Partido Popular, Izaskun García Gorostizu, fixo unha intervención contundente no pleno, onde expuxo o que cualificou como "unha lista vergoñenta de irregularidades cometidas por un goberno incapaz e neglixente, que deixou Culleredo nunha situación límite". García Gorostizu sinalou que o nivel de licitación de obras en Culleredo está "á cola de Galicia", mentres que empresarios e autónomos levan máis dun ano esperando o cobro das súas facturas. Segundo a portavoz, esta situación "é o resultado directo da falta de planificación, da arbitrariedade nas decisións e da opacidade na xestión dos recursos públicos".
A principal denuncia dos populares centrouse na tramitación irregular das facturas durante o 2023, un problema que motivou a solicitude deste pleno extraordinario para "depurar responsabilidades e esixir explicacións pola falta de control do gasto público". García Gorostizu criticou duramente que "o alcalde Rioboo e os seus concelleiros manexasen os fondos públicos sen ningún tipo de planificación, saltándose os procedementos establecidos e evitando render contas ante a oposición e os veciños".
Durante a sesión, o alcalde tentou defenderse argumentando que houbera "un cambio de criterio na intervención municipal ao longo do ano", pero García Gorostizu rexeitou esta explicación cualificándoa de "escusa inaceptable". A portavoz subliñou que "varios informes de distintos interventores destacan a ausencia de control e xestión do gasto, a falta de persoal suficiente, a inexistencia de planificación do control interno e o abuso sistemático do contrato menor en detrimento do contrato aberto". Este abuso, segundo os populares, "é un prexuízo gravísimo, xa que supón pagar máis por servizos de menor calidade".
Ademais, a líder do PP en Culleredo denunciou a actitude da concelleira Marta Iglesias, quen, durante a súa intervención, lamentou que a oposición solicitase demasiados informes aos funcionarios. "Para a señora Iglesias, facer o noso traballo é unha molestia, pero para nós é unha obriga legal e moral fiscalizar a labor do goberno e esixir que dean contas ante os veciños", replicou García Gorostizu.
Finalmente, os populares conseguiron o apoio de todos os grupos da oposición para levar ao Consello de Contas as irregularidades expostas durante o pleno, solicitando que esta institución proceda a realizar as actuacións de fiscalización e investigación que considere necesarias. García Gorostizu advertiu que "non imos permitir que se continúe prexudicando aos veciños de Culleredo cunha xestión arbitraria e opaca dos recursos públicos".