O Partido Popular critica a Inés Rey pola xestión do Plan Estratéxico e o "pelotazo" nas Xubias

ACoruñaXa
O voceiro do PP critica a colaboración de Pardo de Vera no Plan Estratéxico sen nomeamento oficial e pide suspender o convenio co fondo de Luxemburgo vinculado ao proxecto urbanístico das Xubias
Imaxe de Miguel Lorenzo este evnres 4 de outubro
4 Out 2024

O voceiro do Partido Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, expresou a súa preocupación pola recente situación co nomeamento de Isabel Pardo de Vera como directora do Plan Estratéxico da cidade. Lorenzo cuestionou o feito de que Pardo de Vera colaborara no proxecto sen un nomeamento oficial, preguntando: “Desde cando? En que condición? Se a contratou dalgunha maneira?”. Ademais, cuestionou cal foi o seu acceso a proxectos clave da cidade sen estar nomeada formalmente para o cargo.

O popular tamén destacou que a renuncia de Pardo de Vera á dirección do Plan podería ser un indicio de que Inés Rey, alcaldesa da Coruña, finalmente rectifique en relación ao proxecto das Xubias. “Oxalá a renuncia de Pardo de Vera sexa o primeiro paso para que Inés Rey cambie de opinión sobre o pelotazo nas Xubias e proceda a suspender o convenio co fondo de Luxemburgo", afirmou Lorenzo. Referíase así ao acordo urbanístico vinculado aos terreos das Xubias, no que, segundo o voceiro, hai un claro conflito de intereses.

Ademais, Lorenzo criticou que, a pesar de que o nomeamento de Pardo de Vera foi anunciado en abril, esta non tomou posesión do cargo ata que o PP comezou a denunciar a súa incompatibilidade en xullo. “Ninguén explicou por que desde abril ata xullo non tomou posesión”, subliñou. Tamén lembrou que a propia Pardo de Vera recoñeceu ser asesora noutros proxectos estratéxicos do fondo implicado nas Xubias.

Por último, Lorenzo puxo en dúbida a verdadeira intención do goberno local tras o voto favorable do PSOE a unha moción que pedía suspender o convenio nas Xubias. “Estamos esperando que cumpran esta rectificación, pero tras escoitar a Lage Tuñas, temémonos que é un novo engano”, declarou, facendo referencia a unha posible estratexia de dilación por parte do executivo municipal.

 

 

0.12000203132629