O Parque José Martí converterase nun escaparate literario coa III Festa do Libro na Rúa

O Concello de Oleiros celebrará o domingo 26 de abril a III Festa do Libro na Rúa, unha xornada pensada para achegar a literatura a públicos de todas as idades no Parque José Martí, en Santa Cristina. A proposta reunirá autoras e autores, librerías do municipio e distintas actividades culturais ao longo de toda a xornada.
A programación arrancará ás 12.00 horas coa inauguración oficial. Apenas quince minutos despois terá lugar a presentación da obra 'Cantos de dor e liberdade', con Xoán Gabeiras, acompañada dun recital no que participarán Laura Rei Pasandín, Lois Diéguez, Ramiro Vidal Alvarinho, Celso Álvarez Cáccamo e outros autores e autoras.
A mañá continuará ás 12.30 horas co contacontos 'Cromosomax', de Marta Aranda, e ás 13.00 horas co espectáculo teatral 'Unha tarde con Rosalía de Castro', a cargo do alumnado do IES Neira Vilas.
Xa pola tarde, a actividade retomarase ás 17.00 horas coa representación de 'Alicia', de Pedras de Cartón. Ás 18.00 horas desenvolverase a presentación de 'Diarios de Syra Alonso', mentres que ás 18.15 horas será a quenda do contacontos 'Oli y el saltamontes aventurero', de Gemola. O peche da festa chegará ás 18.45 horas cun concerto de Copos de Avena.
Ademais da programación principal, na carpa anexa haberá presentacións de libros e as librerías participantes venderán exemplares entre as 12.00 e as 19.30 horas cun desconto do 5 por cento. Na iniciativa participarán tamén a Asociación Galega de Escritores, así como diversos autores e autoras.