O parque infantil do Pasatempo será renovado cun investimento de 300.000 euros

Betanzos avanza na renovación do parque infantil do Pasatempo tras a aprobación, por parte do pleno da Deputación da Coruña, do convenio de colaboración que permitirá financiar o proxecto.
A actuación contará cun investimento de 300.000 euros, sufragado entre o Concello e o organismo provincial, despois de que a iniciativa non puidese acceder aos fondos europeos Next Generation solicitados inicialmente.
O proxecto contempla a renovación integral da área de xogos, unha das máis utilizadas do municipio. Está prevista a instalación de 20 novos elementos para diferentes idades, entre eles unha estrutura multixogos, un carrusel, xogos de equilibrio, un columpio, unha torre, balancíns, saltadores, estruturas de ponte e escalada e paneis táctiles.
A intervención incluirá tamén a substitución completa do pavimento de caucho de seguridade para mellorar as condicións de uso da instalación.
Ao estar situada no Parque do Pasatempo, a nova área infantil contará cun deseño temático inspirado na obra de Juan García Naveira, con referencias a elementos emblemáticos do recinto como os reloxos mundiais, as cunchas ou as grutas.