O parque eólico Fontella queda freado pola súa afección a unha zona núcleo da Reserva da Biosfera

ACoruñaXa
A Xunta denega a autorización ao proxecto de Galenergy entre Aranga e Oza-Cesuras e arquiva un expediente iniciado en 2019 tras unha declaración de impacto ambiental desfavorable
parque-eólico
11 Mar 2026

O proxecto do parque eólico Fontella, promovido por Galenergy entre os concellos de Aranga e Oza-Cesuras, queda definitivamente paralizado na vía administrativa. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático resolveu denegar a autorización administrativa previa e a de construción, ao tempo que acordou arquivar o expediente, unha decisión que o Diario Oficial de Galicia fixo pública o 10 de marzo.

A clave do rexeitamento está na avaliación ambiental. A Xunta lembra que o proxecto xa recibira o 9 de decembro de 2022 unha declaración de impacto ambiental desfavorable, paso que acabou condicionando a resolución final coñecida agora. Na última versión analizada, Fontella prevía sete aeroxeradores.

Segundo recolle a resolución, Patrimonio Natural emitiu primeiro un informe favorable en outubro de 2022, pero dous meses despois rectificou ese criterio e informou en contra. O motivo foi que, nunha revisión posterior, advertiu que toda a instalación se situaba dentro dunha das zonas núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, un punto que non fora tido en conta no primeiro exame.

O procedemento viña de longo. Galenergy presentara a solicitude en febreiro de 2019 e, tras unha modificación substancial do proxecto admitida a trámite en 2020, a iniciativa saíu a información pública nese mesmo ano. Durante a tramitación ambiental solicitáronse informes a distintos organismos autonómicos e tamén aos concellos afectados.

A promotora tratou de reverter a situación a comezos de 2023, cando pediu que se declarase de oficio a nulidade da declaración de impacto ambiental ao entender que non se lle dera traslado do segundo informe de Patrimonio Natural. Con todo, o expediente seguiu o seu curso cara á denegación e arquivo, que agora a Xunta formaliza de maneira definitiva.

A resolución sobre Fontella forma parte dun paquete de expedientes publicados no DOG este 10 de marzo nos que a Administración galega tamén arquiva outros proxectos eólicos que non superaron o trámite ambiental. No caso de Aranga e Oza-Cesuras, a decisión pecha, polo menos por agora, a vía administrativa para un parque que levaba máis de seis anos en tramitación.

0.12473201751709