O Parlamento reclama un plan integral para reparar o litoral deteriorado de Oleiros

O Parlamento de Galicia aprobou este martes, na Comisión 8ª, unha iniciativa para reclamar ao Goberno central un plan integral de reparación das infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros.
A proposta contempla actuar sobre diferentes elementos afectados polo deterioro, entre eles paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros. A iniciativa saíu adiante sen votos en contra, segundo informou o Grupo Popular de Galicia, impulsor da proposta.
Entre os puntos sinalados figuran o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda da zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro e os derrubes rexistrados na praia de Naval e na zona do Xunqueiro.
Tamén se pide sinalizar as zonas perigosas
A iniciativa parlamentaria inclúe ademais a petición de que se sinalicen aqueles puntos que presenten riscos para a cidadanía e que, cando sexa necesario, se proceda ao peche ou á restrición do acceso.
Durante o debate, o deputado popular Jesús Fernández Rosende atribuíu parte do deterioro aos efectos da climatoloxía e do mar, aínda que tamén sinalou a existencia de problemas de mantemento e conservación.
O PPdeG sostén que existe unha falta de coordinación entre o Concello de Oleiros e a Demarcación de Costas, ao tratarse de administracións con competencias relacionadas con diferentes actuacións sobre o litoral.
Reclaman un protocolo de mantemento
A proposta aprobada tamén formula establecer un protocolo de mantemento periódico que determine as competencias de cada administración, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria e os mecanismos de coordinación.
Así mesmo, reclámase unha dotación orzamentaria que permita afrontar tanto as reparacións consideradas urxentes como o mantemento posterior das infraestruturas.
O texto defende tamén a realización dunha avaliación técnica do estado do litoral urbanizado de Oleiros, co obxectivo de detectar zonas de risco e anticipar posibles actuacións ante novos desprendementos ou danos.