O papel das mulleres do mar terá o seu propio día no calendario da Deputación de A Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
A institución provincial recoñece o 18 de maio como Día Internacional da Muller no Sector Marítimo e compromete novas accións de visibilización e apoio
dipu coru pleno 26.06.2026
26 Jun 2026

A Deputación da Coruña recoñecerá oficialmente o 18 de maio como Día Internacional da Muller no Sector Marítimo e incorporará esta data ao seu calendario institucional. O pleno provincial aprobou este venres unha declaración institucional apoiada por todos os grupos da corporación para dar visibilidade ao papel das mulleres vinculadas ao mar.

O acordo pon o foco nas mariscadoras, pescadoras, redeiras, traballadoras das lonxas, da industria transformadora e da comercialización, así como en técnicas, científicas, docentes, xestoras e emprendedoras da economía azul. A declaración lembra que todas elas forman parte esencial da cadea mar-industria e contribúen ao sostemento económico, social, cultural e territorial das comunidades costeiras.

A institución provincial comprométese a promover cada ano actos públicos, campañas de visibilidade e actividades educativas, culturais e de sensibilización arredor desta data. O obxectivo é que o 18 de maio se consolide como unha xornada de recoñecemento ao traballo das mulleres do mar e tamén como un espazo para avanzar en igualdade real dentro do sector.

A Deputación tamén impulsará liñas de colaboración con ANMUPESCA e con outras organizacións representativas das mulleres do mar para desenvolver accións de formación, profesionalización, liderado, saúde laboral, emprendemento, relevo xeracional e participación institucional.

A declaración aposta ademais por reforzar a presenza das mulleres nos órganos de decisión, consellos sectoriais, confrarías, federacións, mesas de traballo e espazos de gobernanza vinculados ao mar. Tamén se promoverán estudos e estatísticas desagregadas por sexo para coñecer mellor a realidade laboral, económica e social das mulleres no sector marítimo-pesqueiro.

O acordo será trasladado á Organización Marítima Internacional, á Xunta de Galicia, ás confrarías da provincia, ás federacións do sector, ás entidades da cadea mar-industria e ás organizacións de mulleres do mar para ampliar o alcance da iniciativa.

0.123202085495