O paleontólogo Juan Luis Arsuaga imparte unha charla no Consello Social da UDC

ACoruñaXa
No acto, o Consello Social da UDC presentou a primeira tempada de “Noray de Ideas” un programa en formato podcast que nace como un instrumento de comunicación e divulgación desde a universidade cara á sociedade
O reitor da UDC, Ricardo Cao e Juan Luis Arsuaga, paleoantropólogo, escritor e director científico do Museo da Evolución Humana de Burgos; na recepción desta mañá na Reitoría da UDC
11 Abr 2024

O paleoantropólogo, escritor e director científico do Museo da Evolución Humana de Burgos Juan Luis Arsuaga ofreceu esta tarde  de xoves na Coruña unha viaxe fascinante a través da evolución humana.

Coa súa conferencia titulada 'O mono espido ou vestido?' Arsuaga disertou ante preto de 300 persoas sobre os interrogantes existentes entre a evolución do ser humano e o xurdimento da linguaxe simbólica, relacionándoo co papel fundamental que desempeñou ao longo da evolución humana.

A súa conferencia representou unha oportunidade única para adentrarse nas reviravoltas da mente humana e explorar as interseccións entre a bioloxía e a cultura.

Todo iso nun evento organizado polo Consello Social da UDC, no que tamén interviñeron o reitor, Ricardo Cao Abad; o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; e o secretario deste organismo, Jesús Spósito Prado.

Innovación e ciencia ao servizo da sociedade

Na súa intervención, o reitor Ricardo Cao, destacou “a importancia da investigación científica para mellorar a vida das persoas, pero tamén para desentrañar enigmas da evolución humana, obxecto da conferencia de hoxe”. Tamén resaltou a importancia que dá a UDC “á divulgación científica, fundamental para formar unha cidadanía máis crítica ante os desafíos actuais”. Así mesmo, destacou o papel desempeñado polo Consello Social como órgano de goberno da universidade e representación da sociedade na mesma.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social, Antonio Abril, destacou que “o Consello Social da Universidade da Coruña está convencido da importancia de que a nosa universidade sexa unha institución dinámica que participe de forma activa na vida e transformación da nosa contorna máis próxima e con capacidade para atender, impactar e responder os retos dun mundo altamente tecnoloxizado e globalizado.

Noray de Ideas é un proxecto que nace aliñado con estes obxectivos. Trátase dunha iniciativa orientada á creación de contido divulgativo que aproveita as sinerxías entre o mundo dixital e o físico e multiplica os nexos de unión entre a Universidade da Coruña e a súa contorna”.

Noray de Ideas, un novo espazo de divulgación científica

No escenario desta conferencia, o secretario do Consello Social, Jesús Spósito Prado, foi o encargado de presentar a primeira tempada de Noray de Ideas. Este programa, explicou, pretende cumprir cunha das principais misións da universidade: dar voz ás mentes máis brillantes que están a dar forma ao futuro da educación, a innovación, a ciencia, a tecnoloxía e a cultura.

O seu formato, en podcast, outórgalle axilidade, flexibilidade e proximidade, de maneira que esas voces especializadas poidan chegar cada vez a máis xente. Os diferentes programas estarán presentados polo xornalista coruñés Diego Losada Gómez, actualmente presentador de Mediaset España, concretamente de Noticias Cuatro, na súa edición das 20.00 horas. A súa carreira no xornalismo en televisión consolidouse en informativos e programas de TVE como España Directo, Informe Semanal, La Noche en 24 Horas ou á fronte do Telexornal da Fin de Semana na súa última etapa antes de fichar por Mediaset.

No desenvolvemento desta iniciativa colaboran activamente o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da UDC (CITIC) e a Facultade de Humanidades da UDC.

Primeira tempada xa dispoñible

O programa estará dispoñible a partir de hoxe, 11 de abril, nas principais plataformas de podcast: iVoox, Spotify, Apple + Google, sendo posible acceder a contido relacionados co programa nos seus perfís en Instagram, Facebook, Twitter e Linkedin. Toda a información poderase atopar ademais a través da web noraydeideas.com.

Para a primeira tempada, xa dispoñible, propuxéronse dúas liñas temáticas denominadas "Referentes" e "HumanIA", respectivamente.

"Referentes" proxecta publicamente o pensamento de grandes personalidades de recoñecido prestixio, como Pedro Duque; primeiro astronauta español e ex-ministro de Ciencia e Innovación; Sara García, astronauta en reserva da ESA e investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO); e Juan Luis Arsuaga, paleoantropólogo e escritor.

Pola súa banda, "HumanIA" explora o impacto da intelixencia artificial nas humanidades da man de profesionais de recoñecido prestixio como Borja Adsuara, experto en Dereito, Estratexia e Comunicación dixital; Paul Van Branteghem, físico e experto en IA; e Ruth Falquina, experta en Arte e Intelixencia Artificial.

0.16524505615234