O Orzán acollerá este fin de semana o 40º Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras masculino e o 10º feminino

ACoruñaXa
A competición reunirá as principais traiñeiras na enseada coruñesa, cun novo formato contrarreloxo para a clasificatoria do sábado e as finais previstas para o domingo
A CORUÑA terese herrera traiñeiras
19 Aug 2026

A Coruña volverá mirar ao mar este fin de semana coa celebración do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, unha das citas tradicionais do remo galego, que este ano vivirá unha edición especialmente destacada ao coincidir o 40º aniversario da competición masculina coa 10ª edición da feminina. A proba disputarase os días 22 e 23 de agosto na enseada da praia do Orzán, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Remo.

A edición de 2026 contará ademais cunha novidade no formato da xornada clasificatoria do sábado. A contrarreloxo manterase como sistema de competición, pero as traiñeiras sairán de dúas en dúas e en dous carreiros, cun minuto de diferenza entre cada saída. O obxectivo é facer máis dinámica a proba e ofrecer un maior espectáculo ao público que se achegue ao Orzán.

Sábado 22: a clasificatoria abrirá a competición

A actividade comezará o sábado ás 17.30 horas coa categoría feminina. As traiñeiras competirán no novo formato contrarreloxo, con saídas por parellas e un minuto de diferenza.

A partir das 17.50 horas será a quenda da primeira quenda masculina, mentres que ás 18.15 horas terá lugar a segunda quenda. As clasificatorias servirán para establecer as posicións de saída e determinar a composición das finais do domingo.

Domingo 23: finais e ofrenda ao mar

A xornada decisiva chegará o domingo 23 de agosto. Antes do inicio da competición celebrarase, ás 11.20 horas, a tradicional ofrenda aos homes e mulleres do mar, un dos momentos más vinculados á identidade marítima do Trofeo Teresa Herrera.

Dez minutos despois, ás 11.30 horas, comezará a final feminina, mentres que as dúas quendas da final masculina están programadas para as 12.00 e as 12.30 horas.

As finais manterán o formato clásico do Teresa Herrera, cun percorrido de tres millas, catro longos e tres ciabogas. A entrega de trofeos está prevista para as 13.00 horas, poñendo o broche a unha fin de semana dedicada ao remo na enseada do Orzán.

Unha loita especial polas bandeiras

O dobre aniversario non será o único aliciente da edición de 2026. A competición masculina contará coa particularidade de que a bandeira actualmente en xogo corresponde á edición de 2024.

O Club de Remo Chapela, vencedor nas categorías masculina e feminina en 2025, poderá facerse coa bandeira masculina en propiedade se consegue repetir o triunfo este ano. A normativa establece que un club pode quedar definitivamente coa bandeira se a gaña dous anos consecutivos ou tres alternos.

Na categoría feminina, pola súa banda, a edición de 2026 estreará unha nova bandeira, creada con motivo da décima edición do Trofeo Teresa Herrera feminino.

A organización e o Concello animan a coruñeses, coruñesas e visitantes a achegarse durante a fin de semana á contorna do Orzán para seguir unha competición que volve unir deporte, tradición e cultura marítima na cidade.

0.12439513206482