O orzamento récord chega ao concello de Carral

ACoruñaXa
O goberno local levará ao pleno do xoves unhas contas de 6,92 millóns de euros, as máis altas da historia do municipio
concello carral
24 Mar 2026

O alcalde de Carral elevará ao pleno deste xoves a proposta de orzamento municipal para 2026. O documento ascende a 6.921.901,26 euros, fronte aos 6.321.018,87 euros do último aprobado, correspondente a 2024, o que supón un incremento próximo ao 10%.

Segundo trasladou o goberno local, trátase do orzamento máis elevado da historia do municipio. O executivo enmarca esta proposta na necesidade de adaptar as contas á evolución de Carral e ás necesidades actuais do Concello.

O capítulo de investimentos sitúase en 1.437.523,64 euros, cun aumento do 38,43% respecto ao anterior orzamento. Nesta partida inclúense actuacións relacionadas coa seguridade viaria e coa mellora de infraestruturas municipais, como o acondicionamento do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, intervencións na rúa O Quenllo, a execución de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila, así como obras na infraestrutura viaria do polígono.

As contas tamén recollen outras actuacións vinculadas a espazos de uso veciñal. Entre elas figuran a adquisición de terreos e a instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, unha infraestrutura verde de conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora da contorna de Costa da Égoa.

No apartado social, o documento reserva 1.121.964,44 euros para Servizos Sociais. Ademais, o capítulo de transferencias correntes sobe un 13% e pasa de 227.329,19 a 256.878,50 euros. Segundo a información facilitada polo Concello, esta partida inclúe subvencións para bolsas de estudo, asociacións e entidades, así como axudas de emerxencia social.

Pola súa banda, o capítulo de gastos correntes elévase a 2.790.219,94 euros, un 5,01% máis que no anterior documento. O goberno local sinala que esta contía permitirá atender obrigas municipais e avanzar na licitación de servizos como a limpeza viaria e xardinaría ou o alumeado público, ademais de asumir o incremento dos servizos asistenciais.

A proposta foi consensuada cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad, e será sometida a debate e votación na sesión plenaria prevista para este xoves.

0.11816310882568