O orzamento de Bergondo aumenta un 13% e achégase aos 10 millóns de euros
O Concello de Bergondo presentará no pleno do próximo 27 de novembro o seu orzamento municipal para 2025, que ascende a 9.413.752,33 euros, o que representa un incremento do 13% respecto ao ano anterior. Este aumento permitirá financiar investimentos estratéxicos en infraestruturas fundamentais para avanzar nos obxectivos de cohesión social, sustentabilidade ambiental e desenvolvemento territorial.
O equipo de goberno destaca que estas contas "buscan garantir o equilibrio financeiro e mellorar a calidade de vida da veciñanza, con actuacións que atenden ás demandas actuais da comunidade". Para investimentos reais, o Concello destinará 1.236.817,79 euros, con actuacións como a mellora de beirarrúas e obras de saneamento, financiadas en parte polo POS+ 2025 da Deputación da Coruña. Este plan achegará máis de 927.000 euros, dos cales 500.373 euros irán destinados á renovación das beirarrúas de A Lagoa, 225.348 euros á reforma do edificio de benestar social e 202.000 euros a proxectos de rego asfáltico en catro parroquias.
Unha partida destacada de 100.000 euros estará reservada para o proxecto gañador dos ‘Orzamentos participativos 2025’, que será a creación dun xardín no entorno do Pazo de Baldomir.
Reforzo nos servizos sociais e educativos
O orzamento tamén reforza a atención aos sectores máis vulnerables, cunha dotación de 1.001.700 euros para servizos sociais. No ámbito educativo, continúanse as axudas para material escolar, libros e transporte, asegurando que todas as familias teñan acceso igualitario a estes recursos.
Os gastos correntes, que representan o 56% do orzamento, incrementáronse debido á suba do IPC e á incorporación de novos servizos como a escola infantil e o servizo de axuda no fogar, que suman preto de 400.000 euros máis. Tamén se está a ampliar a oferta do programa de conciliación, e mantéñense iniciativas vinculadas á igualdade e á loita contra a violencia de xénero.
Compromiso co desenvolvemento sostible
Bergondo mantén o seu compromiso coa promoción empresarial mediante bonos de consumo e accións de visibilidade para o comercio local. Ademais, os programas de emprego e formación céntranse en medidas medioambientais e no uso de tecnoloxías sostibles no alumeado público, o saneamento e o abastecemento de auga, reducindo custos a medio prazo.
Desde o goberno local destacan que este orzamento equilibra o investimento en infraestruturas e servizos municipais, afirmando que "apostar pola educación, a dependencia, a cultura ou a igualdade repercute directamente na veciñanza, mesmo por riba de calquera infraestrutura".
O documento foi elaborado desde a prudencia, contabilizando só as subvencións xa concedidas ou aquelas con garantías razoables de ser aprobadas por outras administracións. A súa flexibilidade permitirá incorporar novas achegas sempre que a lexislación o permita.