O Olímpico do Mandeo estrea a súa regata en Bergondo con 58 embarcacións e seis medallas para o club local

ACoruñaXa
A I Regata Xoia do Mandeo reuniu participantes de oito clubs nunha proba contrarreloxo e deixou dous trofeos colectivos para o San Felipe e o Tui
BERGONDO regata
23 Oct 2026

O río Mandeo foi o escenario da primeira edición da Regata Xoia do Mandeo, organizada polo Club Olímpico do Mandeo coa colaboración do Concello de Bergondo. A competición reuniu 58 embarcacións e preto de 70 remeiros de oito clubs, nunha xornada marcada pola participación deportiva e pola reivindicación do valor do río para o remo.

A proba disputouse en formato contrarreloxo, con percorridos de dous quilómetros para a categoría infantil e de catro quilómetros para o resto das categorías. Xunto ao club anfitrión, participaron deportistas do San Felipe, Cedeira, Ribadeo, Tui, Ares, Ría de Marín e Retiro 66, procedente de Madrid.

Durante a entrega de premios concedéronse 32 medallas aos tres primeiros clasificados de cada modalidade, ademais de dous trofeos colectivos. O Club de Remo San Felipe fíxose co recoñecemento ao mellor equipo feminino, mentres que o Club de Remo Tui acadou o premio ao mellor equipo masculino.

Os resultados do Olímpico do Mandeo

Os remeiros do club anfitrión asinaron varias actuacións destacadas nas diferentes categorías. Marcos Pan proclamouse vencedor en skiff cadete masculino, mentres que Yerai Álvarez logrou o primeiro posto en skiff xuvenil masculino.

Nas categorías femininas, Noa Álvarez conseguiu a segunda posición en skiff infantil e Carolina Cagiao terminou terceira na mesma proba. Lucía Otero tamén subiu ao podio co terceiro posto en skiff xuvenil feminino e Helga Garcia en skiff cadete feminino acadou o 4º posto.

Pola súa banda, a parella formada por Javi Puentes e Miriam Cagiao obtivo a segunda posición en dobre scull xuvenil mixto. No resto das probas, Alexander Pan finalizou quinto en skiff infantil masculino, mentres que Gabriel González e Ángela Vázquez ocuparon a quinta praza en dobre scull absoluto mixto.

Na clasificación por clubs, o Olímpico do Mandeo terminou terceiro no trofeo feminino e segundo no masculino.

O río Mandeo, protagonista da xornada

A organización agradeceu a participación dos clubs e o comportamento dos deportistas, así como o apoio do público, que acompañou a competición a pesar das condicións meteorolóxicas pouco favorables durante parte da xornada.

O club destacou especialmente a colaboración do Concello de Bergondo na organización da regata, que se preparou nun prazo axustado.

Ademais dos resultados deportivos, a entidade aproveitou a celebración para reivindicar a importancia do río Mandeo como espazo fundamental para a práctica do remo e para a traxectoria do club, que conta con deportistas que chegaron á selección española.

A intención da organización é que os participantes puidesen gozar do río e da experiencia deportiva nunha regata que nace coa vontade de dar protagonismo ao Mandeo e reforzar a actividade do remo na contorna.

0.16311097145081