O Olímpico do Mandeo confirma o seu gran momento cunha choiva de medallas no Galego de Remo Olímpico

ACoruñaXa
O club acadou dous títulos autonómicos, varias medallas e destacados postos de finalista en Castrelo de Miño antes da cita estatal da próxima fin de semana en Banyoles
BERGONDO club remo mandeo medallas
15 Jun 2026

O Club Olímpico do Mandeo asinou unha destacada actuación no Campionato Galego de Remo Olímpico para as categorías cadete, xuvenil e sub23, celebrado este sábado no Encoro de Castrelo de Miño. A competición serviu ademais como última gran proba antes do Campionato de España, que terá lugar a vindeira fin de semana no lago de Banyoles, en Xerona.

A entidade participou cun total de oito embarcacións e regresou da cita autonómica cun balance moi positivo, sumando dous campionatos galegos, varias medallas e numerosos postos de honra.

Entre os resultados máis destacados sobresae o ouro conseguido polo catro scull cadete feminino formado por Noa, Carolina, Míriam e Helga. Tamén subiu ao máis alto do podio o catro scull xuvenil masculino integrado por Javi, Marcos, Yerai e Gabriel, que se proclamou campión galego da súa categoría.

No apartado individual, Marcos logrou a medalla de prata en skiff cadete masculino, mentres que Alex finalizou na undécima posición da mesma modalidade.

As medallas continuaron chegando para o club co bronce obtido por Míriam e Helga no dobre scull cadete feminino. Na mesma proba, Noa e Carolina acadaron unha meritoria cuarta posición. Pola súa banda, Javi e Yerai conseguiron o terceiro posto no dobre scull xuvenil masculino, mentres que Lucía rematou quinta en skiff xuvenil feminino.

Estes resultados supoñen unha importante recompensa ao traballo desenvolvido ao longo da tempada e reforzan as expectativas do Olímpico do Mandeo de cara ao Campionato de España. O club afrontará a competición nacional coa confianza que achegan os excelentes resultados obtidos en Castrelo de Miño e coa ilusión de seguir medrando nun ano especialmente esixente para a entidade.

0.14184999465942