O núcleo de Oseiro contará cunha área de rehabilitación integral para mellorar vivendas e espazos públicos

O Diario Oficial de Galicia publicou a declaración da nova área de rehabilitación integral (ARI) do núcleo de Oseiro, no Concello de Arteixo. Esta figura permitirá impulsar actuacións de mellora en vivendas, edificios residenciais e espazos públicos incluídos dentro do ámbito delimitado.
A nova ARI abrangue os asentamentos orixinais do Igrexario e Oseiro ata o lugar da Raña, ademais da urbanización Sol y Mar. Tamén incorpora os espazos públicos vinculados á edificación e o viario antigo que conecta os diferentes rueiros da zona.
O ámbito declarado suma unha superficie total de 201.862 metros cadrados e inclúe 719 vivendas distribuídas en 210 edificios de carácter residencial. Deles, 18 corresponden a edificacións auxiliares en parcelas independentes.
Esta é a segunda área de rehabilitación integral declarada en Arteixo, que xa contaba coa ARI de Meicende-O Petón, aprobada en 2025. A xestión da nova área corresponderá ao Concello, que será o encargado de tramitar as actuacións vinculadas a este ámbito.
A declaración da ARI abre a porta a promover proxectos de conservación, recuperación e mellora do patrimonio edificatorio, así como intervencións de urbanización e reurbanización nos espazos públicos. O obxectivo é facilitar a rehabilitación das vivendas e mellorar a calidade urbana dun dos núcleos tradicionais do municipio.