O novo parque infantil da Sagrada Familia, en Culleredo, continúa pechado á espera dos últimos remates

ACoruñaXa
O Concello volveu precintar as instalacións despois de que alguén retirase as cintas de sinalización e pide que non se utilicen ata que a obra estea rematada e recepcionada
CULLEREDO parque sagrada familia
27 Nov 2026

O novo parque infantil da praza da Sagrada Familia, en Vilaboa (Culleredo), aínda non está aberto ao público. Aínda que as instalacións están practicamente rematadas, o Concello advirte de que non se poden utilizar ata que conclúan os últimos traballos e a Administración recepcione oficialmente a obra.

O espazo permanece precintado por motivos de seguridade. Porén, durante as últimas horas alguén retirou as cintas de sinalización, o que levou a algúns veciños a pensar que o parque xa estaba dispoñible e a utilizalo. O Concello repuxo o precinto este xoves ao mediodía e pide á veciñanza que respecte a prohibición mentres non se autorice a súa apertura.

A previsión municipal é que o parque poida abrir definitivamente de maneira inmediata, unha vez completados os trámites pendentes. Ata entón, o Concello insiste en que non se debe acceder ás instalacións para evitar posibles riscos para as persoas usuarias.

A actuación enmárcase na reforma integral da praza da Sagrada Familia, que conta cun investimento de 613.962 euros. O proxecto busca transformar este espazo nunha zona peonil máis ampla, accesible e segura, cun novo parque infantil cuberto e novas prazas de estacionamento en batería.

Esta intervención forma parte do proceso de humanización de Vilaboa, que, segundo os datos municipais, acumula xa un investimento de tres millóns de euros.

0.089815855026245