O Nonviolencia Activa Fest regresa á Coruña o 23 de novembro como un clamor pola paz e a arte
O 23 de novembro ás 17.15 horas, o Centro Social Ágora da Coruña acollerá a segunda edición do Nonviolencia Activa Fest, un festival que busca promover a paz e a nonviolencia a través das artes. Este encontro cultural convértese nunha cita imprescindible para quen considera que a arte e a cultura teñen o poder de transformar o mundo.
Nesta edición, máis de trinta artistas galegos e residentes en Galicia ofrecerán o seu talento en música, pintura e poesía. Todos eles únense cun obxectivo común: loitar contra todas as formas de violencia, defender os dereitos humanos e traballar por un futuro mellor.
O evento abrirá as súas portas ás 17.15 horas, cunha visita guiada ás 17:30h para presentar as obras dos 14 pintores que participan na exposición: Roke Armas, Alfonso Caparrós, elchano, Chelo Facal, Alba Fiamma Art, Alberto Franco, Maica Gómez, Mohamed Saïd Hamdad, Roiayer, Lola Saavedra, Bego Tojo, Mercedes Touzón, Gosia Trebacz e Xulia Weinberg.
Ás 18.00 horas, Estela López e Ricardo Sandoval darán paso ao espectáculo en directo, no que participarán os músicos Ramiro Edreira, Xawar, Marmo Trazos, Kreze e a Banda Percusión DiversidArte da Asociación Poten100mos, nunha velada de creatividade ao servizo da paz.
A experiencia inclúe tamén un agasallo para os asistentes: cada persoa recibirá un poema de artistas como María Teresa Fandiño Pérez, Alba Fiamma Art, Eva Fórneas Braña, e outros poetas galegos.
Este festival insírese na 3ª Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia, unha iniciativa global que comezou o 2 de outubro en Costa Rica. A Coruña será unha das paradas desta marcha o día 23 de novembro, coincidindo co festival, co obxectivo de promover o fin de todas as formas de violencia e a defensa dos dereitos humanos.
A entrada ao Nonviolencia Activa Fest é libre ata completar aforo. Para asegurar un asento, pódese reservar enviando un correo electrónico a mundosenguerrasesenviolenciag@gmail.com.